Denuncia a unha empresa de Palas de Rei por utilizar un río de vertedoiro

A afectada di que o material refugado utilízano para encher a canle
photo_camera Imaxe dos cascallos, cando se iniciou o conflito en 2014. EP

A propietaria dunha leira situada no lugar de Gresulfe, en Palas de Rei, quéixase da actividade dunha empresa de construción que, segundo ela, utiliza un terreo que linda co seu como vertedoiro. A afectada explica que esta empresa non só carece dos permisos necesarios para realizar este tipo de verteduras, senón que denuncia que moito dese material acaba na canle dun regacho afluente do río Xuxilde, polo que se converte nun foco de contaminación das augas, ademais de alterar a súa canle.

A denunciante afirma que o problema se remonta ao ano 2015, cando esta empresa construíu un muro de pedra de 37 metros de longo nun das marxes do río. Ademais, por aquel entón tamén encheu con pedras e terra parte da canle, considerado como zona de servidume.

Segundo a denunciante esta alteración da canle afecta gravemente á súa leira, polo que naquel momento puxo os feitos en coñecemento do Seprona.

Aínda que unha posterior sentenza obrigou á empresa a repor o terreo ao estado orixinal, a afectada denuncia que en todo este tempo non só non o fixo senón que incluso se repetiron outras verteduras.

Por mor desta situación, a propietaria do terreo afectado rexistrou recentemente un escrito dirixido á Consellería de Medio Ambiente para que se proceda, "sen mais demoras", a repor o terreo ao seu estado anterior, "tal e como se indica na resolución recaída" e na que tamén se obrigaba á empresa a facer fronte a unha sanción económica.

A afectada por estes feitos lamenta ter que chegar a esta situación pero asegura que esta actividade ilegal da empresa tamén afecta á súa propiedade, xa que a alteración da canle do río "afecta de xeito importante a miña propiedade, podendo chegar a supoñer unha redución importante na superficie do meu predio".