Denuncia en Arzúa ser vítima de 'sextorsión'

As pescudas iniciadas en Galicia permitiron localizar ao autor da estafa, na modalidade de extorsión sexual, en Paterna
Un agente de la Guardia civil, ante el ordenador. DP
photo_camera Un agente de la Guardia civil, ante el ordenador. DP

A Garda Civil investiga un home de Paterna (Valencia) como presunto autor dun delito de estafa, na modalidade de extorsión sexual, por mor dunha denuncia interposta en Arzúa. As pescudas foron levadas a cabo polo Equipo @ do Instituto Armado en Milladoiro, en colaboración co Equipo de Delitos Tecnolóxicos (Edite) de Valencia no marco da operación Arpu. 

Na denuncia que o iniciou todo, a vítima relataba como contactara cunha persoa que supostamente ofrecía servizos sexuais a través de anuncios inseridos en medios de comunicación, pero que resultaron ser falsos. Así, a persoa prexudicada empezou a recibir mensaxes e chamadas ameazantes para que ingresase unha serie de cantidades de diñeiro para que non se fixesen públicos os feitos. 

Accedeu a ingresar a primeira contía solicitada, pensando que así satisfaría a demanda dos extorsionadores. Con todo, en pouco tempo volveu recibir unha nova ameaza para que abonase máis diñeiro. En total, pagou 3.600 euros antes de interpor a denuncia. 

A Garda Civil investigou os feitos en aras de corroborar a súa veracidade e de identificar ao autor, que resultou ser un veciño do municipio valenciano de Paterna. Unha vez coñecida a autoría, o Equipo @ solicitou a colaboración do Edite de Valencia para proceder á súa investigación como presunto autor dun delito de estafa na modalidade de sextorsión
O investigado, xunto coas actuacións realizadas, foi posto a disposición do Xulgado de Instrución de Arzúa.