Unha década de reivindicación do rural

O núcleo de Albá volveu converterse nun grande escenario teatral con motivo de Son d’Aldea, que na súa décima edición tivo de fío condutor a sabedoría popular
Un momento da representación teatral deste sábado en Albá. XESÚS PONTE
photo_camera Un momento da representación teatral deste sábado en Albá. XESÚS PONTE

A aldea de Albá, en Palas de Rei, volveu viaxar no tempo ata mediados do século pasado para reivindicar e valorizar o rural a través do teatro. Esa era a teima do festival Son d’Aldea cando botou a andar e este sábado, na súa décima edición, insistiu nesa aposta e contou de novo cunha moi boa acollida da xente.

Esta cita, impulsada pola asociación cultural e de veciños de Santiago de Albá e polo grupo de teatro Metátese, co apoio do Concello e da Deputación, escolleu como fío condutor desta edición a sabedoría das xentes que poboan o rural, como símbolo desa riqueza que garda.

Un momento da representación teatral deste sábado en Albá. XESÚS PONTE

Neses saberes inspiráronse as 16 escenas, de entre oito e doce minutos de duración, que se representaron en distintos espazos naturais de Albá, desde carballeiras hasta camiños, Unha vez máis, os protagonistas destas pezas foron os veciños deste núcleo e doutros próximos como Carballal e Santo Xusto, quen reproduciron distintas facetas da vida cotiá no rural durante os anos 50.

Nesta xornada, na que a climatoloxía tamén quixo unirse á festa, ao deixar un día soleado, non faltou algunha pequena homenaxe ás orixes deste festival. Así, todas as actividades volveron desenvolverse en Albá, como no primeiro ano —na última edición, en 2019, o castelo de Pambre estreárase como escenario—. Ademais, repetiuse unha das pezas representadas hai unha década, sobre unha lea veciñal polo uso da auga dun muíño.

Un momento da representación teatral deste sábado en Albá 2. XESÚS PONTE

O parón obrigado no 2020 pola pandemia de covid non lle restou tirón a Son d’Aldea, xa que este sábado se esgotaron as preto de 400 prazas dispoñibles para asistir ás representacións, algunhas menos que noutras ocasións para garantir a seguridade no actual contexto sanitario. Por ese mesmo motivo, todas as funcións desenvolvéronse ao aire libre, prescindíndose esta vez de varios escenarios interiores que se empregaran en anos anteriores.

Nesta décima edición, como homenaxe ás orixes, repetiuse unha das pezas representadas no primeiro ano do festival

Se o teatro foi o protagonista absoluto da xornada matinal, pola tarde o festival abriuse a outras actividades con esa misma teima de reivindicación do rural. Entre esas propostas complementarias celebrouse un mercado de produtos artesáns e agroalimentarios autóctonos, levouse a cabo unha demostración de xogos populares, a cargo da asociación Xotramu, e houbo unha sesión de contacontos protagonizada por Celso Sanmartín.

Ao peche desta edición, como colofón do festival, estaba previsto que actuase o grupo Luar na Lubre, que, precisamente, se inspirou na aldea de Albá para o seu último traballo.

BALANCE POSITIVO. Os organizadores agradeceron este sábado a resposta do público e fixeron un balance moi positivo desta década de festival. Tanto Xosé Luís Carrera, voceiro da asociación veciñal, como Afonso García, director de Metátese, coincidieron en resaltar a resposta da xente nestes dez anos, clave para esa valorización do rural e das súas paisaxes.

Un momento da representación teatral deste sábado en Albá. XESÚS PONTE

"Quedo coa ilusión e entusiasmo coa que participan dende o primero ano os maiores, que ás veces foran menosprezados", subliñou García. Carrera fixo ademais fincapé en que moita xente que acode a Albá "traslada despois ese sentimento ao seu lugar de orixe".

Comentarios