Cultura sostible no rural galego

Monterroso acolle a presentación do informe 'Cultura e sustentabilidade' con aportacións de proxectos culturais da provincia
Última edición do festival Agrocuir. JAVIER CABANA
photo_camera Última edición do festival Agrocuir. JAVIER CABANA

O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza xunto co Concello de Monterroso este xoves unha mesa redonda arredor da presentación do informe que redactou o investigador cultural independente Fran Quiroga.

No debate, que modera o autor do estudo, van participar Adrián Gallero, da organización do Festival Agrocuir, Alfonso Blanco, do Festival de Pardiñas, e Begoña de Bernardo, da Rede Galega de Sementes. O texto é unha síntese das conclusións ás que se chegou no ciclo de conversas sobre o mesmo tema que organizaou o CCG en febreiro, e nas que participaron unha decena de proxectos culturais de toda Galicia, entre elas as tres convidadas ao debate do xoves e outros de Lugo como a Rede Aldear ou a Canle Ribeira Sacra.

A análise das iniciativas participantes, partindo da premisa de considerar a cultura un piar da transición socioecolóxica, é unha oportunidade de aprendizaxe social e institucional, pois todas poñen o foco na proximidade, na colectividade e "constrúen presentes pensando no mañá", recolle o informe. Engade que son prácticas sostibles que poñen a vida no centro, cun modelo que se podería exportar a outros sectores.

AS PROTAGONISTAS. Adrián Gallero, do Colectivo Agrocuir da Ulloa, considera que "no rural hai unha serie de factores históricos e formas de vivir que son de por si sustentables, de reciclaxe e de apoio mutuo", e sinala que o labor das iniciativas culturais coma estas é poñelas en valor e actualizalas aos tempos de hoxe.

O acto vaise celebrar na vila de Monterroso por ter acollido as sete edicións do festival Agrocuir, que se considerou un bo exemplo de como levar a cabo proxectos culturais sostibles. Dende a súa organización, Gallero apunta que "no rural hai moitos elementos para levar a cabo a transición ecosocial". Ademais, Fran Quiroga matiza que, por tratar da importancia da cultura rural sostible, quixeron "sacar esta iniciativa do CCG de Santiago e levala aos lugares nos que se producen estes movementos asociativos, xa que estamos falando deles".

O impacto destes proxectos busca tanto respectar á natureza coma devolver a vida ao rural galego

Outra cuestión importante da análise na que profundiza Alfonso Blanco é a avaliación do impacto destes proxectos na súa contorna. O organizador do festival de Pardiñas, o evento folk máis antigo de Galicia, asegura que "o respecto á natureza foi dende o primeiro momento unha idea clave, e creo que o conseguimos nas máis de 40 edicións que levamos; a natureza ensínanos a respectar a diversidade". Pola outra cara da mesma moeda, Quiroga destaca a importancia da actividade cultural no rural como lugar de encontro da poboación, que debe pasar de ser considerada só consumidora a colocarse no centro da acción. Esta pode ser, di o investigador, unha forma moi eficaz de loitar contra o despoboamento do rural, pois ofrece proxectos de vida e opcións de ocio nas aldeas e vilas sen que sexa necesario ir buscalas ás cidades.

O acto en Monterroso serve para darlle continuidade e profundizar na análise destas cuestións. Vaise celebrar ás seis da tarde na Praza do Froito, sen inscrición previa. Ao final do acto está programada unha foliada coa Asociación Sociocultural Falcatrueiros.

Comentarios