Corenta anos dando a nota

O 19 de marzo de 1982 empezaba a súa andaina a Coral Polifónica de Melide, un colectivo que agrupa na actualidade 36 voces e que cumpre catro décadas con renovadas ilusións
A Coral Polifónica de Melide, nunha das súas primeiras actuacións.
photo_camera A Coral Polifónica de Melide, nunha das súas primeiras actuacións. EP

Desligar a historia de Melide da súa tradición musical é un imposible. Municipio de grandes e recoñecidos músicos, 2022 é un ano de conmemoracións para a localidade, xa que ao medio século de vida da agrupación de gaiteiros Froito Novo hai que engadir tamén o 40 aniversario da fundación da Coral Polifónica, agrupación que botou a andar o 19 de marzo de 1982, por mor dunha convocatoria municipal que foi un rotundo éxito.

Tras catro décadas de ininterrompida actividade, a coral de Melide é a terceira agrupación musical máis antiga da comarca, superada unicamente pola mencionada Froito Novo e, sobre todo, pola banda de Visantoña e os seus 145 anos de historia. Aínda así, as orixes da coral remóntanse moitos anos máis atrás, concretamente, ao coro Aires de Melide da década dos 50 formado unicamente por voces femininas.

A actual presidenta da Coral Polifónica de Melide, Ánxela López, lembra que á convocatoria organizada polo Concello para crear a agrupación "presentámonos unhas 70 persoas, o que dá idea da gran tradición musical que ten esta vila", explica.

O sacerdote Andrés Sampayo Sixto, un músico de recoñecido prestixio, accedeu a facerse cargo da dirección ata o momento do seu falecemento en 1993. O seu sucesor á fronte da coral foi Uxío Pazos, que levou a batuta da agrupación ata o ano 1998, momento no que se fixo cargo da mesma o actual director, Valery Moritov.

Ánxela López resalta que na actualidade forman parte da coral 36 voces, aínda que "en 2020 antes da pandemia eramos 41".

Esas persoas que "nos deixaron" estarán moi presentes no recordo de todos os seus compañeiros nos actos que este ano leven a cabo para conmemorar o 40 aniversario deste colectivo musical.

E é que aínda que en Melide a música tradicional está moi presente no día a día da vila, Ánxeles López recoñece que, no caso das corais, a substitución xeracional "é máis complicada sobre todo no no caso das voces masculinas".

Pero a pesar de que a idade media actual dos integrantes da coral supera os 60 anos, a ilusión coa que todos os membros afrontan os novos retos "é a mesma que tiñamos ao principio", admite Anxela.

A Coral Polifónica de Melide, nunha das súas primeiras actuacións. TURISMO MELIDE
A Coral Polifónica de Melide, nunha das súas primeiras actuacións. TURISMO MELIDE

 

Por iso un dos momentos máis duros que viviu a agrupación durante todos estes anos foi a crise do covid-19, o confinamento e a imposibilidade de actuar. "A todos nós a coral dános alegría e vida, por iso cando foi o máis duro da pandemia e non podiamos xuntarnos para ensaiar levabámolo moi mal", sinala a presidenta.

Ensaios. Aínda así, tan pronto como puideron, os ensaios retomáronos e puxéronse enseguida a traballar co obxectivo de poder celebrar a Semana da Música, "que se celebra as dúas últimas fines de semana de novembro e que foi o único evento que puidemos sacar adiante en 2021, grazas a que nese momento o nivel de contaxios era baixo", indica Ánxela López.

Despois dun novo parón nos ensaios entre os pasados meses de decembro e xaneiro por mor do repunte de casos de covid, os integrantes da coral retomaron as súas rutinas o pasado mes de febreiro, "cos habituais ensaios dos luns e xoves de nove a once da noite".

O Festival de Habaneras, o próximo 28 de maio, será o primeiro grande evento que esperan celebrar neste 2022, aínda que a mirada de todos está posta no concerto de San Roque, o 16 de agosto, e no que realmente teñen pensado celebrar os 40 anos da agrupación "con moitas novidades que o farán moi especial".

Pero desde esa última data e ata finais de novembro, cando se volva celebrar a Semana da Música -que este ano chegará ao seu trixésimo terceira edición- os membros da agrupación esperan que a situación sanitaria mellore co fin de que poidan levar a súa música a moitos deses lugares onde o fixeron nestes últimos 40 anos, como Madrid -"onde nos levaron a inaugurar unha rúa a mediados da década do 2000", recorda Ánxela López- Bilbao, Salamanca ou Portugal, entre outras moitas localidades.

Comentarios