O Concello de Pas reserva 110.000 euros para adquirir formigón para obras viarias

A partida permitirá comprar 900 metros cúbicos de material para mellorar accesos de 16 núcleos

LUGO. O Concello de Palas de Rei sacará a licitación a próxima semana o concurso para adquirir case 900 metros cúbicos de formigón, para o que reservou unha partida orzamentaria de 110.000 euros con cargo a fondos do plan único da Deputación de Lugo. Segundo sinalou o rexedor palense, Pablo Taboada, o material irá destinado á mellora dos accesos de 16 núcleos rurais do municipio.

A intención do goberno local é pechar a adquisición deste material durante as próximas semanas, cando finalice o período de exposición pública do documento que rexe as condicións da operación. O obxectivo do Concello é, en todo caso, que os traballos dean comezo «a mediados deste mes de outubro», sinala Taboada.

A axilización do inicio destas obras é posible, segundo destaca o alcalde palense, «grazas a que o Concello dispón de maquinaria pesada e dunha brigada de obras propia, polo que nos aforramos todo ou trámite que suporía ter que licitar os traballos a unha empresa privada».

Esta actuación permitirá rehabilitar o hormigonado de accesos en Ribado, Mosteiro, A Avieira e Cabana, entre outros núcleos.

Novo viario. O Concello de Palas de Rei tamén proxecta a apertura dun novo viario que unirá as parroquias de San Cibrao e A Ulloa. Esta nova vía, que estará reservada a unha utilización agropecuaria e forestal, terá unha lonxitude aproximada de dous quilómetros e redundará nunha maior comodidade para os veciños destes dous núcleos, que xa non se verán obrigados a rodear por Leilón para poder acceder ás súas parcelas. Unha vez que estea finalizado, este novo viario dará servizo a unhas 140 hectáreas de terreo.

Os traballos tamén serán executados integramente cos medios propios do Concello, o que, segundo o alcalde, redundará nun maior aforro para as arcas municipais.

A apertura deste novo camiño é unha demanda que desde hai tempo reclamaban os veciños de San Cibrao a través da figura do seu pedáneo, José Varela. Segundo o Concello, a previsión é que os traballos se inicien ao longo da próxima semana.

Comentarios