O Concello de Monterroso executa máis de 100.000 euros en distintas obras

A través das redes sociais tamén anunciaron outras actuacións, como o arranxo de camiños nas aldeas de Fufín e San Lorenzo

O Concello de Monterroso ultima obras de mellora en distintas vías públicas do municipio, que suman un valor total superior aos 100.000 euros.

Con cargo ao plan único provincial do pasado exercicio, mellorouse o firme de diferentes rúas do centro urbano, como é o caso de Ramón Díaz, á que se destinou unha partida de 19.417 euros; Blanco Martínez (14.857 euros); Travesía Trasdocastro (32.381 euros), e Ramón Cabanillas (12.183 euros).

Segundo explicou o concelleiro de obras, Marcelino Vázquez, tamén se destinan 85.000 euros a reforzar o aglomerado da estrada de Sisgal a Sambreixo; 19.192 euros máis para acondicionar a área recreativa da Pénea, e 16.180 euros para a vía que vai de Lardeiros a Sestelo.

POLÉMICA. A través das redes sociais, o Concello monterrosino tamén anunciou outras actuacións, como o arranxo de camiños nas aldeas de Fufín e San Lorenzo, así como a apertura de novas pistas en Penela (Lodoso), Tarrío de Buxergos e Cumbraos.

O grupo municipal do PSOE criticou, con todo, que o goberno local anunciase esas actuacións como propias cando, segundo os socialistas, foi a Deputación a entidade que realizou directamente esta actuación a petición dos propios veciños destes núcleos.

Comentarios