O Concello de Melide pide melloras en vías provinciais polas que pasa o Camiño

A Deputación da Coruña ve «necesario» tamén reforzar a seguridade dos peóns
Peregrinos en Ribadeo AEP
photo_camera Un peregrino. AEP

A Deputación da Coruña estudará como mellorar a seguridade en varias estradas da súa titularidade en Melide polas que discorre o Camiño de Santiago. Así llo trasladou o deputado responsable de vías e obras, José Manuel Pequeno, ao rexedor melidao, José Manuel Pérez, e ao tenente de alcalde, José Antonio Prado, tras escoitar as súas demandas nese sentido.

Os socios do bipartito local propuxeron, entre outras actuacións, reforzar a seguridade dos peóns na DP-4603 á altura do núcleo de Santa María. Explicaron que a pesar de que é un tramo que coincide co trazado do Camiño Francés, as beirarrúas actuais están en mal estado e as zonas de paso de peregrinos son perigosas.

Tamén avogaron por intervir na DP-4604, unha vía moi transitada que conecta Melide e Toques e pola que pasa o Camiño Primitivo. Pérez e Prado solicitaron a José Manuel Pequeno que se habilite unha zona de aparcadoiro na marxe esquerda do viario en sentido de entrada a Melide, xa que "as estreitas beirarrúas actuais están constantemente ocupadas por vehículos, ou que dificulta ou paso de residentes e peregrinos". Nesta mesma estrada, o Concello pide que se constrúan novas sendas peonís no lugar das Barreiras, entre os puntos quilométricos 2,5 e 3,5, así como reforzar a sinalización noutros puntos nos que se rexistran "velocidades excesivas".

Pequeno comprometeuse a estudar cos técnicos esas peticións, que cualificou de realistas "e necesarias", e coincidiu tamén en ver "prioritario" mellorar a seguridade dos peóns neses tramos viarios.

Comentarios