O Concello de Melide alega irregularidades para pechar a piscina

Asegura que non pode dar máis prórrogas á actual concesionaria porque o anterior goberno "deixou pasar o prazo dúas veces"
Piscina de Melide. ARCHIVO
photo_camera Piscina de Melide. ARCHIVO

O Concello de Melide pechará as instalacións que albergan a piscina cuberta e ximnasio o próximo día 3 de setembro por irregularidades na concesión do servizo. Desde o equipo de goberno alegan que non poden dar máis prórrogas á actual concesionaria porque o anterior executivo —liderado pola popular Dalia García— "deixou vencer por dúas veces o prazo para adxudicar a xestión das instalacións".

O tenente de alcalde e concelleiro de deportes, o socialista José Prado, sinalou que chegaron a esta determinación despois de que os servizos municipais de secretaría e intervención emitisen un informe "concluínte de que non se podía continuar prorrogando o servizo, e cumprindo coa legalidade só cabía pechar temporalmente as instalacións".

Máis dun milleiro de usuarios veranse afectados por esta medida e desde o Concello sinalan que traballan "para recuperar o servizo o antes posible". Explican que o contrato coa concesionaria foi asinado en setembro de 2014 e tiña unha duración de catro anos. "O 3 de setembro de 2018 ampliouse o servizo un ano máis, o máximo permitido co fin de proceder a unha nova adxudicación que non se fixo", indica Prado, quen asegura que se chegou a esta situación "pola incapacidade do anterior goberno e a deixadez de funcións. Nós estamos traballando para arranxar o problema canto antes entendendo a importancia que ten este servizo para toda a comarca".

Veranse afectados pola medida máis dun milleiro de usuarios

RÉPLICA DO PP. Desde o PP, a anterior rexedora de Melide, Dalia García, anunciou que pedirá un pleno extraordinario para "coñecer de primeira man a situación da piscina municipal. Sinala que cando gobernaron os populares "sempre garantimos o servizo aos veciños e parécenos unha total irresponsabilidade privar dunha prestación pública a nosa vila co único pretexto de que non está lista a licitación".

García asegurou que loitará "pola apertura das instalacións así como pola situación laboral na que o novo bipartito deixa o persoal, totalmente desamparado como consecuencia da súa irresponsabilidade ao tomar decisións coma esta sen avaliar os prexuízos que supón para a veciñanza".

Recordou que a piscina sempre foi unha arma arreboladiza para a oposición —agora no goberno— cando ela era alcaldesa. "Botarlle a culpa ao goberno saínte vailles durar ben pouco aos novos responsables municipais, pois o PP cando gobernou, a pesar de que o hoxe tenente alcalde se ocupou de tirar por terra a instalación, sempre garantiu o servizo aos melidaos".

Comentarios