Sete colectivos da Ulloa asinan un manifesto en rexeitamento ás batidas de raposo

Censuran o campionato de caza que se celebrará o sábado día 8 en tecores de Portomarín, Guntín e Monterroso

Un zorro. PIXABAY
photo_camera Un raposo. PIXABAY

Sete asociacións da Ulloa asinaron un manifesto a través do que instan aos tres concellos da comarca a rexeitar as batidas de raposo neste territorio. Os promotores desta iniciativa pretenden así que as corporacións municipais de Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla manifesten o seu rexeitamento ao campionato de caza que se celebrará o sábado día 8 en tecores de Portomarín, Guntín e Monterroso, e no que está previsto que participen uns 400 cazadores. 

O documento, asinado polos colectivos 25 Xastres, Agrocuir, Instituto de Estudos Ulloáns, Club de Lectores e Grupo de Teatro de Antas de Ulla, Quercus Sonora, Asociación Tesmenteira e Son d'Aldea. Os colectivos pretenden así que os concellos ulloanos se sumen ás iniciativas que xa foron aprobadas en Poio ou en Pontevedra en contra desta actividade.

Defenden, ademais, o importante papel ecolóxico do raposo, "como principal depredador de micromamíferos como a rata, o rato e ou topiño, que poden crear superpoboacións daniñas na agricultura". 

Tamén rexeita a convocatoria a asociación animalista Libera!, que insta os concellos, "en especial Portomarín", a non ceder instalacións públicas a custo cero. Ademais, chama á mobilización cidadá a través da plataforma Free Fox. Ao seu xuízo, camúflase unha vez máis unha macrobatida coma se fose unha actividade de carácter deportivo".

O pasado 19 de xaneiro, unha proba deste campionato celebrouse en Láncara e Triacastela, entre as protestas de activistas animalistas.

Comentarios