O colectivo Agrocuir da Ulloa financiará o seu festival mediante un crowdfunding

A edición deste ano terá lugar os días 30 e 31 de agosto

Colectivo Agrocuir da Ulloa. ANA SOMOZA
photo_camera Colectivo Agrocuir dá Ulloa. ANA SOMOZA

O colectivo Agrocuir da Ulloa acaba de pór en marcha unha campaña de crowdfunding para financiar a próxima edición do seu festival, que terá lugar os días 30 e 31 do próximo mes de agosto.

O obxectivo dos promotores desta celebración á diversidade é alcanzar un mínimo de 11.300 euros, cos que conseguirían cubrir os gastos básicos do festival. De obter esa cantidade non se cobrará ningún tipo de entrada ao público que se achegue a gozar do festival, xa que a intención da organización é que esta edición "sexa o máis aberta e accesible posible para a xente da Ulloa e arredores".

A organización asegura que nestes momentos xa logrou o 22% do total do orzamento, polo que se mostran optimistas de cara a conseguir o seu obxectivo final.

As persoas que realicen as súas doazóns recibirán a cambio diversos agasallos relacionados co festival, como obxectos asinados por algúns dos artistas que actuaron en edicións pasadas, cestas de produtos da comarca da Ulloa, visitas guiadas, estancias rurais e, incluso, a posibilidade de elixir as cancións que soarán na próxima edición do Agrocuir. Esta campaña de microfinanciación permanecerá aberta ata o próximo 15 de xuño.

NOVIDADES. O Festival Agrocuir da Ulloa presenta este ano varias novidades. A máis significativa é que a actividade se desenvolverá nesta ocasión en diferentes espazos da vila de Monterroso e non nas instalacións de Granxa Maruxa, como era habitual.

Ademais, a organización do evento acaba de iniciar unha xira para difundilo en diferentes foros temáticos de nivel internacional.

Comentarios