A Casa das Augas bota a andar

Unha casa en ruínas na parroquia do Castro de Amarante, en Antas, é o lugar escollido por Braulio Vilariño e colaboradores para iniciar un proxecto de inmersión artística na natureza
Xabier Meilán, Raquel Paio, Braulio Vilariño e Laura Halçague, impulsores do proxecto. EP
photo_camera Xabier Meilán, Raquel Paio, Braulio Vilariño e Laura Halçague, impulsores do proxecto. EP

"Soñar, difundir e respirar a arte na natureza. Ese é o obxectivo. A palabra, o son, a forma, todo nun espazo natural á beira do Ulla, que nace, corre e se expande dende o centro de Galicia", así define a Casa das Augas un dos promotores, Braulio Vilariño.

Para os que non o coñezan, Braulio, ou Lalo, é un deses homes abertos a todo. Rexentou durante décadas o popular Modus Vivendi de Compostela. Ademais, é cofundador do Festival Agrocuir, coordinador de exposicións e tamén impulsor de diversas actividades culturais na comarca da Ulloa como socio do Instituto de Estudos Ulloáns.

Apoiada pola Fundación Sala Beckett, a Casa das Augas será un espazo de inmersión na natureza, do xeito máis básico, a través da nudez de elementos habitacionais, mobles, baños, cociñas, etcétera. "Tiñamos este espazo en ruínas, oculto pola maleza. É un lugar fermoso, a carón do balneario abandonado de Frádegas, e decidimos recuperalo para a creación artística e, de paso, dar a coñecer o abandono destes espazos patrimoniais".

"Non fixemos rehabilitación de obra, senón que buscamos a recuperación do espazo natural, como a aira, a horta... No contorno das mesmas ruínas, xa que a casa só ten os muros, non é un espazo de creación habitable como os que están xurdindo noutros lugares", explica ao respecto.

"Todo será o máis elemental posible: cunha mesa, unha cadeira, un teito de lona, unha colchoneta, con dieta básica e moito xexún. Tampouco haberá conexión a internet nin cobertura telefónica, electricidade ou auga corrente", sinala Lalo.

O dramaturgo catalán Oriol Morales comezará a súa estancia na Casa das Augas hoxe para escribir unha nova obra chamada 'Lume'

Primeiro invitado: Oriol Morales

O primeiro residente da Casa das Augas, e que comezará a súa estancia hoxe, será Oriol Morales i Pujolar, un artista nado en Figueres no 1990. Actor, dramaturgo e director de espectáculos de creación propia, formouse no Institut del Teatre de Barcelona, no Obrador da Sala Beckett e no Col·legi de Teatre.

O autor catalán Oriol Morales, o primeiro residente da casa. EP
O autor catalán Oriol Morales, o primeiro residente da casa. EP

Algunhas das súas obras estreáronse en salas de Barcelona como o Teatre Lliure, a Sala Beckett, o Tantarantana ou o Festival Grec. Entre estes espectáculos destacan Bruels, co que gañou o Premi Adrià Gual en 2018, ou Granotes, unha obra fortemente ligada á Galicia rural.

En 2021 participou no Torneo de Dramaturxia do Festival Temporada Alta con Port Llevant, un texto inspirado no asasinato homófobo de Samuel Luiz Muñiz e na violencia que o colectivo LGBTIQ+ experimenta de forma cada vez más exposta no país.

"Oriol é un dos afíns á Ulloa, vén sempre ao Agrocuir. Ademais, ten moito interese en reflectir na súa dramaturxia o mundo rural e a súa diversidade. Entón, pareceunos o idóneo porque o coñecemos dende hai tempo", explica Braulio sobre o porqué do seu convite.

Ao longo de dúas semanas, este dramaturgo escribirá un texto chamado Lume, a historia dun pobo ficticio situado na comarca a través do seu cemiterio. "Es la historia de su gente contada a través de sus muertos", sinala Oriol, que explica que todo isto é a culminación dun xogo que realiza dende pequeno: crear historias a partir das lápidas dun pobo, "trazando relaciones, buscando amantes, amistades y secretos".

"Mi padre decía que se puede saber la historia de un pueblo solo con leer las lápidas de su cementerio", lembra. "Cuando empecé a viajar solo, seguí parando en los cementerios fijándome cada vez en más cosas: las flores, la calidad, si estaban limpias, si estaban olvidadas. Es algo que me ha llegado a obsesionar y que nunca he compartido con nadie, pero que me ayuda a comprender los sitios a los que voy, a saber de ellos cosas que jamás podría aprender", relata o autor catalán.

"Se trata de trazar un hilo imaginario para intentar hablar de todo lo que seremos cuando ya no estemos aquí", concluye.

Comentarios