Un Camiño de catro estrelas

Torres da Hermida, en Monterroso, é o único hotel de luxo nas últimas etapas da ruta
Torres da Hermida. XESÚS PONTE
photo_camera Torres da Hermida. XESÚS PONTE

"Nos últimos 100 quilómetros do Camiño, entre Sarria e Santiago, non hai ningún outro aloxamento de catro estrelas", con esa rotundidade fala a arxentina Ayelen Mayer, directora de Torres da Hermida. Trátase dun hotel-boutique que combina o refinamento dunhas instalacións coidadas ata no último detalle cun servizo personalizado e unha contorna de inmellorable beleza e tranquilidade en pleno corazón da Ulloa.

O hotel, de once confortables habitacións, habilitouse nunha antiga construción, que logo de décadas de abandono, foi adquirida e coidadosamente rehabilitada por un empresario catalán con vínculos familiares na comarca.

Ayelen Mayer. XESÚS PoncheEsa custosa obra, que se prolongou durante catro anos, deu lugar a este exclusivo hotel no que "cada unha das habitacións é diferente, ten a súa propia personalidade e o seu propio nome", segundo explica a súa directora. Pero ademais da coidada decoración, Ayelen Mayer destaca a estratéxica situación da construción, "moi preto do Camiño".

Afirma, por iso, que un perfil de clientela é a dun peregrino que busca algo máis exclusivo e, por iso, entre os servizos que se lles ofrece é un "transfer" que o pode levar e recoller á saída e final de cada etapa, "co fin de que teñan aquí a súa base, de modo que cada día pode regresar aquí para descansar e pasar a noite".

Pero ao hóspede de Torres da Hermida tamén se lle ofrecen outros moitos servizos que van desde o aluguer de bicicletas eléctricas e quads para poder moverse pola zona ata excursións a outros lugares da provincia, como a Ribeira Sacra, que o cliente pode facer tanto pola súa conta como cun guía.

Para o máximo relax do cliente tamén hai unha zona húmida, de uso individual, na que se pode facer exercicio, bañarse nun jacuzzi ou tomar unha sauna, entre outros coidados.

RESTAURACIÓN. O restaurante, aberto ao público en xeral, é outro dos valores deste establecemento. "Facemos unha cociña tradicional con toques modernos, pero apostando sempre polos produtos de tempada e de proximidade", asegura Meyer.

A directora de Torres da Hermida está, de momento, moi satisfeita da acollida recibida. "Abrimos o pasado mes de maio e, a pesar da incerteza que xera a pandemia, en agosto estivemos practicamente cheos todos os días. Ademais, o noso restaurante xa foi elixido por moitas persoas para festexar as súas celebracións familiares. Pero o mellor de todo é que todas as críticas foron moi favorables e moitos clientes xa nos din que regresarán", afirma orgullosa.

Comentarios