A Audiencia Nacional ratifica o cesamento da exsecretaria de Palas de Rei

O Ministerio de Facenda inhabilitouna para exercer neste Concello durante tres anos
Concello de Palas de Rei. TRIPADVISOR
photo_camera Concello de Palas de Rei. TRIPADVISOR

A Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional ratificou a sanción que lle impuxo o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas á exsecretaria de Palas de Rei, Celia González, que a destituíu do seu posto no Concello ulloano, coa prohibición de obter destino nesta corporación local no prazo de tres anos.

A ratificación desa destitución prodúcese por mor de que este órgano xurisdicional teña desestimado o recurso que presentou a funcionaria contra a sentenza do Xulgado Central Contencioso-Adminitrativo que validaba a orde ministerial.

A Audiencia Nacional precisa na súa sentenza que "as remisións ao xa dito na súa demanda resultan claramente insuficientes para xustificar un recurso de apelación". 

Xustifica ademais a sanción de destitución porque considera que é "máis adecuada e proporcionada" e "menos gravosa" que a de traslado, que tamén lle poderían haber imposto ao ser a súa falta moi grave, xa que lle permite "obter destino con nomeamento provisional noutra corporación". 

Á afectada cábelle agora a posibilidade de presentar no prazo de 30 días un recurso de casación contra este fallo ante a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional.

A sentenza indica que a destitución foi unha sanción "proporcionada" e "menos gravosa" que o traslado 

UN ETERNO PLEITO. Este é un litixio duradeiro. Hai seis anos o Ministerio de Facenda destituía á secretaria municipal de Palas de Rei ao considerar que cometeu "unha falta moi grave" debido a que reflectiu nas actas de tres sesións da xunta de goberno local que aprobáronse as taxas de 13 licenzas de obras e servizos cando en realidade non se realizaron as correspondentes liquidacións.

Pero a conflitividade entre a exsecretaria do Concello de Palas de Rei e o goberno local arrástrase desde hai unha década. E cumpriu o seu momento máis álxido no verán de 2017 cando a Audiencia Provincial de Lugo condenaba ao alcalde, Pablo Taboada, ao seu predecesor, Fernando Pensado, e a outros sete acusados, edís e funcionarios, por acoso laboral a Celia González. Un ano e medio despois absolveríaos o Tribunal Supremo.

Comentarios