Así canta a gaita da Terra de Melide

O músico Suso Ascariz reuniu nun libro preto de 30 testemuños e 60 partituras, algunhas inéditas, á volta do instrumento
Suso Ascariz. EP
photo_camera Suso Ascariz. EP

A Gaita na Terra de Melide está de parabéns. O título do libro que vén de publicar Suso Ascariz e que presentará o vindeiro 6 de agosto en Melide afonda no patrimonio vencellado a este instrumento nos concellos de Sobrado dos Monxes, Toques, Santiso e Melide. Podería dicirse que o que fixo este gaiteiro, docente e investigador foi sandar os abismos que, tan decotío, téndense neste país en canto á cultura se refire, e que fixeron que moitos dos grupos tradicionais da zona manexasen unha pequena parte do repertorio musical da súa contorna. Patrimonio que sempre se recolleu por iniciativa particular, e que de mans particulares depende para a súa difusión e conservación, o que explica que, até agora "non houbese moito material desta zona".

O libro, que se centra no século XX até os anos 90, inclúe unha vintena de relatos de gaiteiros da comarca, de cinco artesáns, de agrupacións e tamén un apartado sobre as primeiras mulleres que seguiron a senda aberta pola pioneira da gaita ourensá María Áurea Rodríguez. Foi seguindo o rastro de unha que apareceron outras dúas que tamén comezaron a tocar no 1981.

"A gaita de Melide, que xa apenas se toca, é a máis completa, a que máis tubos sonoros ten, o que lle dá unha gran potencia", di Ascariz

Dos repertorios aos que tivo acceso, e dos que inclúe 60 partituras no libro -algunhas inéditas- asombráronlle especialmente os de Marcelino Rivas, da aldea de Trandeiras, en Brañas (Toques), ao que chegou a través de Leilía; tamén o de Manuel Lago, de Cavelle (Sobrado dos Monxes); e de Benedicto García de Rivadulla (Santiso), que aos seus 86 anos inda lle puido contar da súa vida como gaiteiro.

Todos eles tocaban con varios tipos de gaita, pero unha delas era exclusiva da Terra de Melide e das Terras do Medio. Trátase da coñecida como gaita de catro voces, ou gaita de galleto, na que a ronqueta e o grileiro saen dunha mesma peza con forma de galleto, que lle dá nome, conta Ascariz. "É a gaita máis completa, a que máis tubos sonoros ten. Ten moita forza, é un instrumento para exterior, moi potente", indica. El mesmo está recuperando a súa sonoridade cun grupo que terá o nome do instrumento.

No libro tamén incluíu un CD que contén a súa aportación persoal á música da comarca, con catro muiñeiras súas correspondentes a cada concello e distintas interpretacións: solista, cuarteto de gaita, murga e con violín e acordeón.

"O libro mudoume, deu un xiro á miña maneira de dar as aulas e de entender a relación da gaita co territorio", explica o músico

Para Suso, este traballo que comezou para enriquecer as aulas que dá en distintas escolas da Terra do Medio está revolucionando a súa docencia. "Transformoume, deu un xiro á maneira de dar aulas e de entender a relación do instrumento co territorio", indica.

Menciona Suso Ascariz varios fitos da historia da gaita na zona, como que a primeira representación gráfica dunha gaita, do século XII, sexa a do coñecido como o Capitel de Melide, no Museo de Pontevedra; tamén a publicación no Seminarios de Estudos Galegos previo á Guerra Civil do libro Terra de Melide, onde xa aparece un estudo sobre a gaita; ou a influencia que Mingos de Pita tivo na creación da Asociación de Gaiteiros Galegos. Sen dúbida, o seu libro será un dos fitos tamén para o futuro.

Comentarios