Arzúa lanza a campaña 'En Galego, sen límites!' para promover o uso do galego

A iniciativa, impulsada por la concellería de Igualdade, ten como obxectivo normalizar o uso desta lingua en amplos sectores sociais
Lucia Lopez e xoán xesus carril, concelleira de igualdade e alcalde de Arzúa
photo_camera Lucía López e Xoán Xesús Carril. EP

O Concello de Arzúa, comprometido coa promoción e normalización do galego, lanza a campaña En galego, sen límites!, unha iniciativa que ten como obxectivo normalizar o uso da nosa lingua en amplos sectores sociais. Con esta campaña, a concellería de Igualdade quere iniciar a primeira de moitas accións para fortalecer o uso do galego no día a día das arzuás e arzuáns.

A concelleira de Igualdade, Lucía López, subliñou a importancia de defender o galego todos os días do ano. "Normalizar o uso do galego é fundamental para preservar e fortalecer a nosa identidade cultural. Queremos que o galego sexa a lingua de comunicación habitual en todos os ámbitos da vida social en Arzúa", destacou.

No marco desta campaña, o Concello está a repartir manteis coa mensaxe En galego, sabe mellor entre os establecementos de hostalaría da vila. O alcalde da localidade, Xoán Xesús Carril, explicou que esta acción ten un obxectivo claro: "Arzúa recibe centos de peregrinos todos os días que teñen que saber que na Galicia temos un idioma propio. Queremos que sintan a riqueza cultural e lingüística do nos país dende o primeiro momento".

O uso do galego será un eixe transversal a todas as políticas do grupo de goberno, implicando a todos os sectores sociais e económicos da vila. Con este enfoque, o Concello de Arzúa busca consolidar o galego como parte esencial da vida diaria e institucional.

O Concello de Arzúa anima a toda a veciñanza a participar na mobilización convocada este 17 de maio en Santiago de Compostela pola plataforma Queremos Galego, composta por máis de 500 entidades sociais e culturais do país, que traballan na defensa da normalización do galego. "A participación cidadá é clave para avanzar cara á plena normalización do galego", engadiu Lucía López.

Comentarios