A área de servizo da A-54 en Palas podería abrir antes de que se termine a autovía

O alcalde de Palas trasladou ao Ministerio de Fomento a necesidade de axilizar os trámites para iniciar esta obra

A futura área de servizo da autovía A-54 no termo municipal de Palas de Rei podería comezar a funcionar incluso antes de que conclúan as obras dos tres tramos que aínda están en execución, os de Lavacolla a Arzúa, Arzúa-Melide e Melide-Palas.

Este é o obxectivo, polo menos, do alcalde palense, Pablo Taboada, quen a pasada semana se desprazou a Madrid para trasladar ao Ministerio de Fomento a necesidade de axilizar os trámites para iniciar canto antes a execución deste proxecto, que suporía a construción en cada un dos dous sentidos da circulación, de senllos complexos formados por unha gasolineira, unha cafetería, un restaurante e un aparcadoiro para camións.

Segundo o propio Taboada, o Ministerio trasladoulle que a súa proposta será estudada con atención, co fin de dar canto antes luz verde ao proxecto. Pola súa banda, o rexedor palense comprometeuse a, unha vez que se realicen todos os trámites estatais, dar todas "as facilidades municipais que poidamos", co fin de que o proxecto se poida materializar no prazo máis breve posible.

Segundo defende o alcalde, a futura área de servizo de Palas terá unha posición estratéxica ao ser un punto case intermedio da A-54. Tamén explica que, unha vez que se abra ao tránsito de vehículos o tramo de Lavacolla a Arzúa -previsto para finais deste ano- o tráfico por esta autovía xa se incrementará notablemente, ao supor xa un aforro de tempo considerable con relación ao itinerario pola A-6 e a N-634, por Curtis, utilizado na actualidade pola maioría dos condutores que se desprazan entre a capital lucense e a galega.

Taboada tamén considera que a medida que se vaian abrindo os demais tramos da A-54, Palas continuará mantendo esa posición estratéxica dentro desta infraestrutura, xa que absorberá o tráfico de vehículos pesados procedentes do porto de Ribeira cara á Meseta, ademais de parte do tráfico cara a Asturias, xa que coa proxectada ampliación da LU-231 entre Palas e Friol, con prolongación ata Parga, "a maioría dos condutores optarán por esta alternativa para enlazar coa A-8, no canto de ir pola N-634 como fan na actualidade".

A posta en marcha desta área de servizo suporá, segundo o alcalde, a creación duns 30 postos de traballo, que serían os necesarios para poder cubrir as distintas quendas que supón ter aberto as 24 horas do día.

Comentarios