Aparecen unhas pintadas homófobas no Campo do Caracacho en Monterroso

O Concello de Monterroso e o Colectivo Agrocuir da Ulloa condenaron nas súas redes este acto de vandalismo e de odio
Unha das pintadas realizadas no parque do Caracacho. EP
photo_camera Unha das pintadas realizadas no parque do Caracacho. EP

O Campo do Caracho, lugar de encontro da terceira idade e de xogo infantil, apareceu esta semana pintado con insultos ao colectivo LGBTIQA+. A alcaldesa da vila, Rocío Seijas, desaproba os feitos: "Dende o equipo de goberno pronunciamos o noso rexeitamento total e absoluto aos actos vandálicos, especialmente aos que son de odio". Seijas destaca a gravidade do suceso, especialmente no contexto de mobilizacións e protestas polo crime homófobo da Coruña, ás que a vila se sumou.

Ademais a alcaldesa móstrase especialmente consternada por ter sucedido nun concello e nunha zona cunha importante actividade reivinticativa, coa que a cidadanía non só é respectuosa, senón que participa activamente dela. Sinala que o activismo LGBTIQA+ leva moitos anos asentado na vila sen que se producise ningún tipo de repulsa por parte da veciñanza, o que fai máis chocante o ataque.

O Concello vai proceder co borrado das pintadas e a maiores van convertir o lugar nun espazo de homenaxe ao Colectivo Agrocuir da Ulloa, que naceu no municipio e reclama dereitos para a comunidade LGTBIQA+ no rural.

Comentarios