Altri traballa para definir o financiamento da bioplanta de fibras téxtiles de Palas

A Xunta segue á espera de que o Goberno central defina as vías de acceso do proxecto aos fondos europeos
Entorno de la Finca Rioseco, donde se instalará la planta de Altri en Palas. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Entorno de la Finca Rioseco, donde se instalará la planta de Altri en Palas. VICTORIA RODRÍGUEZ

A pasteira portuguesa Altri segue dando pasos na definición da viabilidade da biofábrica de fibras téxtiles que proxecta en Palas de Rei co deadline para adoptar a decisión definitiva fixado para finais de ano. Segundo o informe de resultados do primeiro trimestre remitido á Comisión do Mercado de Valores Mobiliarios (CMVM) o día 26, unha vez definida a localización —un proceso que encargou á enxeñería suecofinlandesa Afry, que analizou ata 46 emprazamentos— "todos os pasos seguintes poderán avanzar a un ritmo acelerado".

No capítulo de perspectivas, a compañía con sede enPorto asegura estar "a avanzar" nos próximos fitos: o estudo de impacto ambiental, o proxecto de enxeñería de detalle e viabilidade económica e "a definición da estrutura de financiamento". Altri, que conta co respaldo da sociedade público-privada Impulsa Galicia, permanece á espera de que se concrete o encaixe do seu proxecto nos fondos Next Generation, tendo en conta que requirirá un investimento de 750 millóns. A inicios de maio, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Industria, Francisco Conde, remitiu unha carta á ministra Nadia Calviño para solicitarlle unha reunión na que aclarar se o Goberno aprobará un Proxecto estratéxico para a recuperación e a transformación económica (Perte) específico para o sector forestal ao que poida acollerse a biofábrica de Palas. Outra alternativa sería activar outras vías para proxectos tractores dentro do Plan nacional de recuperación.

O proxecto é capital para a industria lucense e, por iso, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tamén prevé abordar o acceso aos fondos con Pedro Sánchez.

á marxe dos recursos da UE, Altri confirmou estar a analizar a captación de socios locais que acheguen capital —Greenalia soou entre as opcións—, ademais de incorporar a algún tecnólogo dado o carácter innovador da tecnoloxía que se utilizará. O financiamento bancario será outra pata.

Ademais de pór en valor o "forte desempeño" do grupo entre xaneiro e marzo ao pechar cun beneficio neto de 29,8 millóns (+145%) tras ingresar 249,2 millóns de euros (+46,5%), na súa mensaxe aos investidores, o conselleiro delegado, José Soares de Pina, explica que a compañía deu "un paso importante ao elixir Palas de Rei" que, insiste, "reúne as condicións adecuadas" para acoller o complexo no que se fabricará lyocell a partir da madeira de bosques de eucalipto certificados.

"Temos confianza en que estamos a tomar as medidas necesarias para crear as condicións adecuadas para un proxecto único para a produción de fibras téxtiles sostibles de base celulósica". recalca o executivo.

¿Por que Altri require fondos e capital alleo?

O esforzo investidor que esixirá o proxecto de Pas xustifica que Altri analice diversas vías, incluída a incorporación de socios capitalistas, para despregar os 750 millóns que require o complexo fabril con capacidade para producir 200 toneladas de pasta soluble e fibras téxtiles. Ao peche de 2021, o grupo luso tiña 121,8 millóns en caixa. Con este nivel de tesourería, no primeiro trimestre executou investimentos por 6,8 millóns.

A débeda de Altri ascendía a 303,3 millóns de euros ao peche do primeiro trimestre tras recortar este capítulo un 11,8% con respecto ao primeiro trimestre de 2021.

¿Como se está pagando o eucalipto en Galicia?

Segundo a Asociación Forestal de Galicia, o eucalipto globulus —a variedade que algúns sinalan como máis apropiada para producir lyocell— remunerábase en abril a 30-35 euros o metro cúbico en pé, sen Iva e con cortiza. O nitens roldaba os 26-30 euros.

comentarios