Gato gobernará a base de decretos en Monterroso tras abandonalo os seus edís

O rexedor vincula o paso dos concelleiros ao grupo de non adscritos coa súa procura dunha coalición co PP e quere seguir á fronte do Concello "ata que haxa unha moción de censura"

Antonio Gato Soengas. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Antonio Gato Soengas. VITORIA RODRÍGUEZ

O alcalde de Monterroso, o independente Antonio Gato, gobernará só e a base "de decretos", sen xunta de goberno, tras confirmarse a marcha dos seus tres concelleiros ao grupo de non adscritos. O rexedor mostrouse "absolutamente" convencido de que isto está relacionado co seu intento de buscar "un goberno de coalición co Partido Popular", co obxectivo de que a Xunta "financie proxectos que son o futuro do concello".

Gato, un dos dirixentes históricos do PSOE de Lugo, presentouse baixo as siglas de Independentes de Monterroso ás eleccións municipais do 26 de maio. A súa formación foi a forza máis votada por un único voto e logrou catro edís, fronte a tres do PSOE, tres do PP e un Compromiso de Galicia.

O rexedor enfróntase agora a un escenario en solitario tras a marcha dos concelleiros ao grupo de non adscritos. "Hai algúns que me acompañaban que vían reducidas as súas posibilidades" —con ese pacto de goberno co PP—, interpreta, e advertiu de que seguirá de alcalde "ata que haxa unha moción de censura", aínda que "non pensa" nese escenario.

"O decreto vai ser o meu procedemento de goberno do municipio; para calquera circunstancia que necesiten os veciños e veciñas asinarei decretos, e con ese instrumento gobernarei en Monterroso, da mellor forma posible, da forma máis transparente posible e coa maior eficacia que poida", comprometía finalmente. "As razóns desta decisión hai que preguntarllas ás persoas que me abandonaron, así de claro", expuxo o rexedor monterrosino. "Eu non vou falar por eles, agora teñen que dar explicacións os que se foron", advertiu Gato.

"A pesar de que estiven 43 anos no Partido Socialista, crin necesario un entendemento co partido que está a gobernar na Xunta de Galicia e que podería axudarnos a lograr proxectos interesantes para o municipio", sinalou Gato en clara alusión ao Partido Popular. "Nese labor estiven eu mesmo ata este luns, cando curiosamente o candidato popular díxome que lle daba o visto e prace a unha coalición, algo que me satisfixo extraordinariamente", relatou o rexedor monterrosino. "Agora ese escenario xa non é posible", lamentouse Gato.

O alcalde de Monterroso quixo, por este motivo, enviar unha mensaxe "a ninguén en concreto, pero cada un que tome nota", indicando que "na vida pública hai que someter os intereses particulares aos intereses xerais".

Comentarios