A AGCT busca fondos para salvar a flora do Careón

O colectivo puxo á venda unhas láminas nas que se ilustran cada unha das especies endémicas que viven na zona
Serra do Careón. ARCHIVO
photo_camera Serra do Careón. ARQUIVO

A Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) puxo en marcha unha campaña de recadación de fondos para salvagardar a conservación da flora endémica ligada aos terreos serpentínicos da serra do Careón.

Para conseguir recadar este diñeiro, puxeron á venda unha serie de láminas elaboradas pola ilustradora Mariana Roura. En cada un destes traballos aparece unha das especies de flora endémica desta zona e, en función da súa propia abundancia, realizarase unha edición limitada de láminas numeradas.

A AGCT ofrece así a posibilidade de colaborar coa conservación destas especies e conservalas no seu hábitat natural, aínda que quen se faga cunha destas láminas tamén poderá gozar desta flora "na súa propia casa", segundo indican desde este colectivo.

A Asociación Galega de Custodia do Territorio ten actualmente alugadas máis de oito hectáreas de superficie na serra do Careón. Nestes terreos consérvase un dos mellores hábitats para estas singulares especies.

É por iso que a AGCT, ademais de velar pola súa conservación, tamén se encarga de divulgar este patrimonio natural nos centros educativos desta comarca que comprende, entre outros, parte dos municipios de Palas de Rei e Melide.

Precisamente parte destes terreos poderíanse ver afectados pola construción do tramo entre Melide e Palas da A-54, o que motivou un cambio no proxecto inicial do trazado, que deberá contar co visto e prace do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Comentarios