O acusado de ameazar cun coitelo a súa ex en Melide alega que pretendía autolesionarse

A Fiscalía pide para o presunto autor dos feitos 10 anos de prisión 

Un home acusado de ameazar cun coitelo a súa exparella e obrigala a conducir o seu vehículo con el como copiloto negou ter intención de facer dano á muller e alegou que portaba a arma coa única intención de autolesionarse.  "Saqueino (o coitelo) para facerme dano a min, non a ela", declarou no xuízo celebrado este mércores na Audiencia Provincial da Coruña.

O ministerio público solicita dez anos de prisión por un delito de ameazas e detención ilegal da súa exparella. A iso suma os delitos de roubo e danos. 

Os feitos producíronse despois de que o home acudise ao domicilio da súa ex en Melide coa escusa de que ela lle deixase unhas pinzas para o motor do seu vehículo. Despois, "esgrimindo un coitelo e con intención intimidante", díxolle, que tiña que facer o que el lle dixese. Ademais, aseguroulle que ela acabaría "onde a súa nai", en alusión á proxenitora da vítima que falecera. Tamén afirmou que non volvería ver os seus fillos. 

A vítima: "Cando me dei a volta na cociña de casa, el estaba cun coitelo na man"

Máis tarde, fíxolle coller o coche, pero cando chegaron ao lugar onde se atopaba o vehículo do acusado, a muller aproveitou para deter o turismo e saír do mesmo. Fronte a isto, o acusado negou ter intención de facer dano á muller, coa que mantivera unha relación de seis meses que se rompera meses antes dos feitos.

O home, que declarou non recordar moitos momentos dese día, si negou tamén que intimidase á muller co coitelo. A vítima, pola súa banda, asegurou ter "moito medo" porque cría que o acusado a ía matar". "Cando me dei a volta na cociña de casa, el estaba cun coitelo na man", declara.