A decadencia dun soño

O empresario lucense Julio García impulsou a construción do balneario de Frádegas en 1890. ►As súas ruínas son os vestixios dun proxecto que intentou a dinamización da comarca da Ulloa

Balneario de Frádegas. J. VÁZQUEZ
photo_camera Unha das salas do balneario de Frádegas. J. VÁZQUEZ

A frondosa vexetación da parroquia de Santa María de Amarante (Antas de Ulla) é capaz de camuflar os 126 anos de historia do cheiro sulfuroso que desprenden as fontes do balneario de Frádegas. As ruínas deste antigo establecemento termal datan de 1892, e a súa construción foi promovida polo empresario e deputado provincial Julio García Fernández como terapia para combater doenzas do aparello dixestivo, do fígado, a pel ou enfermidades como o reuma e como foco principal de dinamización dunha comarca con signos visibles de illamento.

O conxunto principal de edificacións aínda se mantén en pé logo de máis de cinco décadas de abandono. Un edificio de dúas plantas con patio interior, unha capela e outras construcións que na súa orixe asimilaron a arquitectura rural galega de finais do século XIX deixan ver a súa silueta en forma de ferradura á beira do que outrora foi un muíño movido pola forza do río Ulla. A fonte sitúase na parte baixa do edificio principal, seguida da sala de baños. O piso superior estaba reservado no seu día para as instalacións hostaleiras, que contaban con dez habitacións.

"Julio García dotou ao establecemento da última tecnoloxía da época. Importou de Alemaña as máquinas que se usaban, por exemplo, para inhalar os vapores sulfurosos do balneario que melloraban considerablemente problemas respiratorios", matiza Francisco Pardo, director do Instituto de Estudos Ulloáns.

"García Fernández tiña un gran poder político e financeiro na provincia. Como herdeiro da casa grande de San Miguel de Coence aumentou aínda máis o seu capital ao casar con Ascensión Santos, que herdara unha gran fortuna por ser descendente directa do segundo conde de Pallares", explica Pardo.

O empresario e político lucense soñou con levar o ferrocarril ata o mesmo limiar do balneario

FERROCARRIL. Julio García non só aproveitou as súas saneadas arcas para abrir un centro termal punteiro na época senón que se propuxo impulsar a ribeira do río Ulla, que ata ese instante permanecía á marxe da revolución industrial. O empresario e político lucense soñou con levar o ferrocarril ata o mesmo limiar do balneario.

A Deputación pediu un informe á Cámara de Comercio para determinar cales eran as liñas ferroviarias máis propicias para o desenvolvemento da provincia. O órgano cameral ditaminou que a opción máis favorable sería unha liña de 126 quilómetros que enlazase Foz con Lugo e a capital con Pontevedra, cunha parada inédita e obrigatoria entre Palas de Rei e Monterroso.

"A idea de construír unha estación de tren con apeadeiro en Frádegas grazas á lei de ferrocarrís secundarios aprobada en 1904 non se materializou, un feito que puido cambiar a historia de Frádegas para"sempre .

Aínda que a canle de derivación construíuse en 1926, a central nunca se puxo en marcha e Julio García morreu pouco despois

A creación dunha central hidroeléctrica para aproveitar a orografía do terreo foi outro dos proxectos que non se concretaron. "Julio García solicitou a concesión para derivar 3.000 litros de auga por segundo ás torrentes do Mácara, 15 anos despois conseguiu a concesión e, aínda que a canle de derivación construíuse en 1926, a central nunca se puxo en marcha. Julio García morreu pouco despois", explica Francisco Pardo.

EXPOSICIÓN UNIVERSAL. O principal reclamou do balneario de Frádegas sempre recaeu na súa fonte de auga azoada sulfurosa. O manancial flúe a razón de 18.400 centímetros cúbicos de ázoe -nitróxeno- por hora.

"Julio García embotelló a auga do balneario e vendeuna. Gañou unha medalla de prata na Exposición Rexional de Lugo en 1896. Despois viaxou á Exposición Universal de París en 1900, coas complicacións que carrexaba o transporte na época", dixo.

Comentarios