Portomarín é un enclave histórico na ruta xacobea

A capitalidade municipal foi declarada conxunto histórico artístico en 1946 e o pobo novo inaugurouse en 1963

PORTOMARÍN destila un especial encanto. O pobo foi declarado conxunto histórico artístico en 1946, aínda que o novo núcleo apenas supera os cincuenta anos, pois foi inaugurado en 1963. Situado en pleno Camiño Francés, Portomarín estivo durante séculos situado a beiras do Miño, pero a construción do encoro de Belesar obrigou a alagar a zona na que se atopaba emprazado, polo que moitas edificacións trasladáronse pedra a pedra entre os anos 1962 e 1963 para volver e levantarse sobre a ladeira do outeiro do Monte do Cristo onde se sitúa actualmente a vila.

CAMIñO FRANCÉS. Como resultado deste laborioso traballo salváronse da auga moitas edificacións, algunhas delas de gran valor histórico, por exemplo, a igrexa de San Nicolás, tamén coñecida como de San Juan, que se levantaba orixinalmente nun dos dous barrios que conformaban a poboación de Portomarín, unidos por unha vella ponte que permitía salvar as augas do Miño e determinou a gran importancia medieval da poboación como paso obrigado do Camiño de Santiago.

Outras mostras do impresionante patrimonio histórico e arquitectónico da vila son o templo de San Pedro, a escalinata, a capela das Neves, o pazo Conde da Maza e o de Pimentel.

O Camiño percorre 13 quilómetros polo municipio, desde Monteagra a
Vendas de Narón.

Portomarín acolle periodicamente trofeos xacobeos de navegación fluvial

Desde Vilachá, aínda en Paradela, xa se divisan as terras de Portomarín, cerca do mosteiro de Ribaloio, onde puido ter a súa orixe a Orde de Santiago. A ruta xacobea abandona Portomarín polo monte de San Antonio, unha zona de gran riqueza natural e paisaxística, con praderías e viñedos.

á altura da fábrica de cerámica iníciase o descenso cara a Toixibó e Gonzar, e despois continúase cara a Castromaior, onde está situada a igrexa románica de Santa María.

SENDEIRISMO. Entre os grandes atractivos de Portomarín destaca o o castro de Castromaior, escavado parcialmente e moi ben conservado porque o terreo onde se atopa nunca foi cultivado. Estivo ocupado desde o século IV a.C. ata o I d.C. e nel poden verse parte das murallas e das vivendas. A visita ao xacemento arqueolóxico non supón ningún rodeo nin desvío para o peregrino.

DE INTERÉS

Natureza: Destacan os parques Manuel de Blas, Agustín do Río, Antonio Sanz, e a Vila Xardín

Sendeirismo: A ruta do río Ferreira transcorre a beiras do caudal por Zazar, San Clodio ou San Fiz, por muíños e pontes.

Gastronomía: Empanada, anguías do Loio, augardente e Torta de Portomarín son os emblemas.

Máis en Turismo
Comentarios