Outeiro de Rei é natureza

O municipio conta con áreas recreativas e zonas para o baño nos ríos e instalacións deportivas e óptimas para o lecer
Marcelle. AEP
photo_camera Marcelle. AEP

OUTEIRO de Rei ofrece paraxes dunha beleza extraordinaria, bañados polos ríos Miño, Ladra e Narla. Algúns dos tesouros naturais que esconde o municipio serven de escenario a romarías e actividades sociais moi enraizadas na provincia, como O Piago, na parroquia de Robra, un lugar único para o baño e o descanso; o Campo de Santa Isabel, ou As Veigas, coa súa idílica área recreativa, ou as inconmensurables Penas de Rodas, en Gaioso, dous moles graníticas a quen o poeta chairego Manuel María dedicou algún dos seus versos e que presiden desde o seu elevado emprazamento un privilexiado espazo natural idóneo para gozar da tranquilidade.

A ponte colgante de Parada dá acceso á Ínsua de Arriba ou Ínsua de Seivane, onde existe un refuxio de pescadores e un merendeiro.

ÍNSUAS. Outros puntos de interese no municipio de Outeiro de Rei son as abundantes illas existentes nas canles fluviais. A coñecida como Ínsua de San Roque é a máis grande do curso alto do Miño e constitúe unha área representativa dos humidais da Chaira xunto ás de Trabanca e de Santa Mariña. Todas elas conforman as Ínsuas do Miño e forman parte do LIC Parga-Ladra-Támoga e da zona núcleo da reserva da biosfera Terras do Miño.

Á Ínsua de Arriba ou de Seivane, na parroquia de San Xoán de Parada, accédese facilmente a través da ponte colgante situado na marxe dereita do río Miño.

O parque zoológico Marcelle Natureza e Avifauna, completan a oferta turística con estritos protocolos de seguridade para garantir o mínimo risco posible de contagios por mor da Covid-19, extremándose as medidas hixiénicas nas instalacións.

En Marcelle o visitante poderá interactuar cunha ampla variedade de animais exóticos, e en Avifauna descubrirá un mundo repleto de aves.

DEPORTE. O complexo deportivo D10 é óptimo para a práctica de pádel e ténis, entre outros deportes, ademais de acoller competicións.

DE INTERÉS

Rutas: O Concello de Outeiro de Rei conta con amenas rutas de sendeirismo, entre as que se atopan as de Camiño do Miño, a arqueolóxica do Acevedo, a das Ínsuas do Miño, a da illa de Seivane e a do Miradoiro dá Terra Chá —poden consultarse na web do Concello—, así como varias dedicadas aos amantes do BTT.

Máis en Turismo
Comentarios