A Deputación promociona un "turismo sostible" afastado de masificacións 

O tema central do acto foi o Camiño de Santiago
Presentación en Fitur de la campaña de la Diputación de Lugo. EP
photo_camera Presentación en Fitur da campaña da Deputación de Lugo. EP

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, xunto coa deputada Pilar García Porto, presentaron este xoves en Fitur a campaña 'Lugo, a provincia é o teu camiño', onde puxeron en valor o modelo de turismo "sostible" que propón a entidade, baseado na experiencia e afastado de masificacións, como clave para a etapa post pandemia. 

"Nesta ocasión, Fitur ten un simbolismo especial, porque simboliza o punto de partida da recuperación do turismo e, por suposto, con sentido común, coa máxima prudencia e tamén con responsabilidade", apuntou Tomei, que recordou que a deputación "leva anos traballando nun modelo de turismo sostible, de calidade e que funciona". 

Tomei Roca explicou que a provincia de Lugo "parte con vantaxe" e con moitas "oportunidades" na nova realidade transformada pola pandemia. "A nosa sorte é a nosa esencia. E a Deputación de Lugo está a traballar para axudar a acelerar a recuperación do noso sector turístico con iniciativas que reforzan ese modelo como os Bonos Impulso, accións como o programa Actívate ou na organización de actividades ao aire libre como Coñece a túa provincia", subliñou. 

O tema central do acto foi o Camiño de Santiago, un recurso que, coincidindo co Ano Santo 21-22 "brinda tamén unha oportunidade importante para a recuperación" do sector. "A ruta Xacobea atrae un tipo de turismo respectuoso e acorde coa nosa liña de traballo. A nosa provincia é moi rica en rutas peregrinas e, por iso, subliñamos a importancia dos itinerarios que atravesan os nosos concellos", engadiu. 

Pola provincia de Lugo transcorren tres rutas declaradas Patrimonio Mundial da Humanidade: trátase do Camiño do Norte, o Camiño Primitivo e o Camiño Francés. Ademais, polo sur da provincia pasa outro itinerario oficial: o Camiño de Inverno. 

A Deputación de Lugo proxectou tres pezas audiovisuais sobre as oportunidades e fortalezas da provincia, remarcadas na marca 'En Lugo, si' e tamén das experiencias que o Camiño achega a todas as persoas que o realizan. "O Camiño é unha oportunidade para coñecer o patrimonio histórico, cultural, natural e gastronómico da nosa provincia de Lugo, pero tamén mostra como somos os veciños da provincia, xente amable e acolledora", dixo o presidente provincial.

E PARA COMER... LUGO NO CAMIÑO 

Tamén no marco de Fitur, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o esforzo de adaptación realizado polos hostaleiros lucenses para poder desenvolver o seu traballo con seguridade e reafirmou o compromiso da Xunta co sector, ao que quixo transmitir unha mensaxe de confianza. 

Fíxoo durante a súa participación no acto de presentación do II Congreso Gastronómico e Cultural 'E para comer... Lugo no Camiño', que organiza a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (APEHL). O evento terá lugar o 29 de maio en Lugo e inclúe unha charla sobre a cultura do viño nos Camiños de Santiago que atravesan a provincia, unha demostración do barista José Manuel Portela, responsable de formación de Cafés Candelas; un taller para nenos e varias demostracións de cociña con produtos de proximidade a cargo de Javier Estévez, recoñecido coa Estrela Michelín, entre outros actos. 

O vicepresidente primeiro recordou que a colaboración do Goberno galego coa APEHL é constante, tanto na posta en marcha de iniciativas e campañas de dinamización como no apoio á propia estrutura e funcionamento da entidade. Ao respecto, sinalou que Turismo de Galicia achega á asociación 35.000 euros para o desenvolvemento do seu labor. 

Así mesmo, destacou, a Xunta distribuíu entre os hostaleiros da provincia preto de 6 millóns de euros en máis de 1.600 axudas a través do primeiro plan de rescate e do programa para o acondicionamento de terrazas e a adquisición de elementos de envasado e empaquetado de comidas e bebidas para levar. 

O vicepresidente incidiu en que o obxectivo da Xunta é seguir reforzando a imaxe de que Galicia é un destino seguro, con medidas como a posta en marcha do seguro coronavirus, que conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros para que os viaxeiros sentan seguros coa cobertura dos seus gastos sanitarios, de aloxamento ou transporte ante un posible contaxio.

EXPOMAR 

Por outra banda, o deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón, participou de xeito telemática este xoves nas xornadas técnicas de Expomar 2021: Odisea na pesca, organizadas pola Fundación Expomar. Esta cita anual combina este ano o formato presencial e telemático co obxectivo de achegar aos asistentes a situación na que se atopa o sector pesqueiro desde o punto de vista das distintas administracións, europea, española e galega. 

Durante a súa intervención, o deputado afirmou que este evento "xera novas oportunidades de negocio para o crecemento do sector pesqueiro e do turismo náutico, ambas as actividades estratéxicas para o desenvolvemento económico da Mariña e da provincia de Lugo". 

Rivera Capón destacou que a Deputación "aposta pola pesca e a náutica, polos empresarios do mar e polos profesionais que traballan nel colaborando unha vez máis coa Fundación Expomar". 

Máis en Turismo
Comentarios