Dez adegas galegas nas que combinar o viño cos atractivos da zona

O enoturismo é unha práctica cada vez máis recoñecida e en claro auxe por toda Galicia, xuntando a gran produción vinícola coa gastronomía, o territorio ou a arte
Rectoral de Amandi, Condes de Albarei y Adegas Moure.
photo_camera Reitoral de Amandi, Condes de Albarei e Adegas Moure.

Nun contexto no que o turismo evoluciona e avanza en diversas direccións, unha nova forma de viaxar e coñecer sitios consolidouse nos últimos tempos: o enoturismo. Esta práctica xira en torno ao viño, coñecer a súa forma de produción, historia e as instalacións nas que se produce, así como os atractivos propios de cada zona.

Cando se empezou a potenciar o enoturismo, hai unha década, José Manuel Rodríguez González, presidente da Ruta do Viño e do Consello Regulador DO Ribeira Sacra, estaba convencido de que "ía ter un gran desenvolvemento porque era algo que xa se daba noutras zonas do mundo cun gran éxito".

Apunta que unha das claves é "vender un territorio no seu conxunto: unha paisaxe, unha gastronomía, unha arte..." e facelo de forma grupal e organizada. "As empresas e os distintos sectores entenderon ben o que había que facer: empregar o viño coma buque de lanza doutras actividades".

Ampliar esa oferta a algo máis que o viño é algo que tamén resalta Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño Rías Baixas, "sempre dicimos que o enoturismo combina todo. Dende deporte ao aire libre, como o ciclismo, sendeirismo ou ioga, con actividades como o marisqueo ou un paseo pola ría en catamarán, ata o noso produto estrela: a gastronomía, con eses produtos de quilómetro cero que tanto nos caracterizan".

Ademais, un dos puntos fortes a día de hoxe é a posibilidade de escapar das grandes aglomeracións e apostar por destinos na natureza e con garantías sanitarias. Isto repercute con datos lixeiramente positivos. Por exemplo, na Ribeira Sacra "non se deron as baixadas de turismo doutros lados, tanto o ano pasado coma este houbo moitas pernoctacións" destacou José Manuel Rodríguez.

Pero o máis importante do enoturismo non deixan de ser as distintas adegas que ofrecen catas de viños, visitas ás súas instalacións e unha gran variedade de actividades. Descobre unha selección dalgunhas das adegas que ofrecen plans complementarios e novos para gozar ao máximo da experiencia.

Pazo de Galegos (Vedra, A Coruña)

Viñedos que rodean ao gran pazo. FACEBOOK @PAZODEGALEGOSpazo de galegos

É obvio que visitar e poder aloxarse nun pazo galego é unha atracción importante. Pero se ese edificio conta nos seus arredores cun viñedo centenario nunha zona exclusiva da DO Rías Baixas, a atracción aumenta. É o caso de pazo de Galegos, antiga residencia do descubridor da tumba do Apóstolo Santiago. Na visita, ademais de aloxarte, poderás visitar os viñedos e catar o viño que se produce neles.

Viña Costeira (Ribadavia)

Ruta de ciclismo de Viña Costeira. TWITTER @COSTEIRA_ES

Ruta ciclismo Viña Costeira. TWITTER

O espírito aventureiro non ten por que estar afastado do enoturismo. En Viña Costeira ofertan unha ruta duns 15 quilómetros en bicicleta (eléctrica) polos distintos viñedos que bordean o Miño. Esa experiencia pódese acompañar cun plan un pouco máis tranquilo, como un paseo en barco polo río. Pero máis aló da aventura, outra opción se abre para os máis sosegados: un picnic baixo os viñedos con diversos produtos locais.

Regina Viarum (Ribeira Sacra) 

Viñedos de Regina Viarum. INSTAGRAM @BDREGINAVIARUM

regina viarum

Unha terraza con vistas panorámicas a unha das paisaxes máis representativas da provincia de Lugo é un dos atractivos da adega Regina Viarum. Este enclave privilexiado ofrece unhas paisaxes de gran impacto, que se reforzan con proxeccións visuais no interior da adega. Con todo, tamén é posible percorrer gran parte do Canón do Sil nun exclusivo tren turístico bautizado como Tren Tschu-Tschu.

Adegas Granbazán (Vilanova de Arousa)

Edificio e viñedos das Adegas Granbazán. TWITTER @BODEGAGRANBAZANAdega Granbazan. TWITTER \<sent\>bodegagranbazan

En Vilanova de Arousa, nun espazo único da comarca de O Salnés, levántase un enorme e rechamante edificio que acolle ás Adegas Granbazán. A localización na que se atopa esta adega permítelle engadir actividades novas ás habituais catas e degustacións: visitar unha praia e coñecer o traballo das mariscadoras, facer unha ruta de pesca, un paseo en barco pola ría ou incluso facer unha excursión á illa de Ons.

Pazo de Rubianes (Vilagarcía)

Unha parte do xardín do pazo de Rubianes. TWITTER @PAZODERUBIANES

PAZO DE RUBIANES

Un Xardín de Excelencia Internacional da Camelia, un pazo e unha capela do sigo XV, numerosas actividades en grupo... No pazo de Rubianes non é soamente unha a atracción principal que pode atraer a visitalo. Por exemplo, facer unha visita guiada cunha ambientación musical proporcionada por gaiteiros é algo único. Outros moitos eventos pódense dar neste histórico lugar para enriquecer a visita. Entre outros: cocido en grupo, un cóctel nos xardíns, a presenza dun pulpeiro...

Martín Códax (Cambados)

Viñedos de Martín Códax coa ría de fondo. TWITTER @BODMARTINCODAXmartin codax

Esta adega xunta o enoturismo coa posta en valor de cultura e produtos galegos a través de ciclos de eventos relacionados coa gastronomía. Non só iso, se non que tamén ofrece unha variedade de actividades na que busca que o cliente sexa o protagonista da historia. Estas ofertas van desde navegar nunha embarcación pola ría a percorrer o val de O Salnés. No caso desta adega, dentro da variedade de catas, destaca a opción de podelas gozar nunha privilexiada terraza sobre a ría.

Adegas Moure (O Saviñao, Ribeira Sacra)

Vístalas desde Adegas Moure. FACEBOOK @ABADIACOVA 

Adegas Moure

Os amantes do sendeirismo tamén teñen un oco nas adegas da Ribeira Sacra. A parte de ter a opción de realizar unha visita guiada polos extensos viñedos, existen diversas rutas por toda a zona. De dificultades e extensións variadas, estas camiñadas polas zonas que rodean aos viñedos son un gran complemento. Para o que non lle apeteza tanto camiñar, a adega tamén dispón dun bar sobre os viñedos que conta cun miradoiro no que se pode apreciar toda a paisaxe.

Casal de Armán (O Cotiño, Ribadavia)

O Casal de Armán, rodeado dos seus viñedos. FACEBOOK @CASALDEARMANCasal de Armán

Na DO Ribero podemos atopar na tranquilidade do campo unha gran casa acompañada por numerosas hectáreas de viñedos. Trátase do Casal de Armán, que ademais de funcionar como adega tamén o fai como casa rural, o que enriquece a experiencia. Sumado a isto, existe a posibilidade de facer unha ruta pola zona visitando edificios característicos da zona, así como outros viñedos. Esta ruta pódese facer cunha audioguía que axude a contextualizar e explicar a historia e curiosidades da zona.

Reitoral de Amandi (Ribeira Sacra)

Os viñedos de Reitoral de Amandi. FACEBOOK @RECTORALAMANDIREITORAL AMANDI

No corazón da Ribeira Sacra, rodeada de viñedos, atópase o rectoral de Amandi. A procedencia desta adega vén dunha antiga rectoría con séculos de historia e que agora se emprega na produción de viño. Visitando esta adega pódese coñecer a historia, a tradición e os diversos segredos que esconde a Ribeira Sacra, así como os motivos polos que esta zona produce un viño de tal calidade. Como medida excepcional, esta adega mostra o seu agradecemento aos sanitarios que estiveron toda a pandemia en primeira liña e permítelles visitala de forma gratuíta. 

Condes de Albarei (Cambados)

Os viñedos de Condes de Albarei en primeira liña de praia. TWITTER @CONDESDEALBAREICONDES DE ALBAREI

Cambados ten no seu DO Rías Baixas, un importante valor. En Condes de Albarei pódese visitar, mediante un tour, uns dos viñedos con maior historia e tradición da zona. Ademais, a visita enriquécese cun paseo polos xardíns e pola adega, que se atopa nun edifico fermoso e histórico: o pazo de Baión. E, a maiores de realizar unha cata, a adega tamén permite realizar eventos alí mesmo, unha experiencia totalmente única.

Máis en Turismo
Comentarios