Xulgan a un barallense por maltratar á súa parella e ameazar a uns amigos

O ministerio fiscal afirma que o acusado padece un trastorno de comportamento por consumo de alcol. Solicita para el unha condena de cinco anos de cárcere

O ministerio público solicita unha condena de cinco anos de prisión para un home acusado de maltratar á súa compañeira e ameazar cun coitelo a varios amigos da parella, no municipio de Baralla.

O home, tal e como argumenta o fiscal, insultou e ameazou á súa compañeira desde novembro de 2014, dicíndolle cousas como: "Vouye a matar", ou "voute abrir de arriba a abaixo". Ademais, propinoulle varias labazadas e tiróns de pelo, "coa intención de impor a súa vontade sobre ela".

A acusación pública recolle no seu escrito de acusación un episodio rexistrado o 3 de xaneiro de 2015. Ese día, cando a parella estaba en casa duns amigos, en Baralla, o acusado agarrou un coitelo, esgrimiuno cara a eles e dixo: "Vouvos matar a todos".

Os afectados puxeron os feitos en coñecemento da Garda Civil e o home, cando se decatou de que fora denunciado, regresou ao domicilio destas persoas, rompeu a fechadura da porta de entrada, e accedeu ao interior da vivenda. Unha vez dentro, atacou a un home cunha botella de cristal, tirouno ao chan e golpeouno por todo o corpo. Finalmente, o presunto agresor foi detido e ingresou en prisión dous días máis tarde.

O ministerio fiscal afirma que o acusado padece un trastorno de comportamento por consumo de alcol e recoñécelle unha atenuante, pero o acusa dun delito de malos tratos habituais, outro de ameazas, un de lesións e outro de violación de morada. Por todos, solicita un total de cinco anos de cárcere: dous anos polos malos tratos, ano e medio por ameazas e lesións e outro ano e medio pola violación. A vista oral por este caso celebrarase proximamente no Penal número 1 de Lugo.

Comentarios