Xulgado un cervense por conducir a 174 quilómetros por hora nun tramo de 70

Circulaba cun BMW pola LU-540 que une Viveiro con Cabreiros. O xuízo quedou visto para sentenza
Cruce de Xerdiz, en la LU-540
photo_camera Cruce de Xerdiz, en la LU-540

O Xulgado do Penal número 1 da capital da provincia celebrou este xoves un xuízo contra un veciño de Cervo que fora acusado de conducir por Ourol a 174 quilómetros por hora nun tramo limitado a 70. O home -cuxo nome correspóndese coas iniciais O.F.F., e que ten 30 anos de idade- foi sorprendido pola Garda Civil o día 30 de setembro de 2014, ao redor das doce da mañá.

Segundo explicaron fontes da Garda Civil en Lugo, o vehículo que conducía, -un BMW- foi detectado por un cinemómetro do subsector de Tráfico no quilómetro 12,800 da estrada LU-540, que une Viveiro con Cabreiros.

DELITO. Os axentes procederon á identificación do condutor e imputáronlle un presunto delito contra a seguridade viaria. Na denuncia os axentes fan constar que lle acusan por "circular excedendo os límites máximos de velocidade establecidos", como sinala o informe da Garda Civil.

As dilixencias contra o veciño de Cervo foron instruídas polo xulgado de garda de instrución de Viveiro, partido xudicial ao que pertence a localidade de Ourol.

O xuízo celebrouse este xoves no tribunal Penal número 1 de Lugo, despois de que o acusado rexeitase a posibilidade de recoñecer os feitos e chegar a un acordo co ministerio fiscal. Desta forma, o xuízo quedou visto para sentenza.

Comentarios