Un home sofre unha descarga eléctrica cando recollía troitas no Incio

Un axente de Conservación da Natureza da Xunta quedou inconsciente durante algúns minutos ao caer á auga do río Cabe, no municipio do Incio, cando practicaba pesca eléctrica co fin de recoller exemplares para un dos centros de recría da Consellería de Medio Rural.

Ambos os axentes atopábanse no río Cabe para aproveitar o ciclo reprodutivo das troitas e capturar exemplares que desovasen no centro de recría de alevíns que a Xunta ten no lugar de Goo, no municipio lucense do Incio.

O suceso produciuse onte xoves e, nun momento determinado, un dos axentes escorregou e caeu á auga, onde recibiu unha pequena descarga eléctrica, que o deixou inconsciente durante algúns minutos. Foi o seu compañeiro o que conseguiu auxilialo e chamou á central de coordinación de urxencias do 112, para informar do que ocorrera e solicitar asistencia sanitaria.

A operadora mobilizou ao servizo de urxencias médicas (061), á Garda Civil e ao servizo de Protección Civil do Incio. O accidente ocorreu nunha zona de difícil acceso, pero cando o axente ferido recobrou a consciencia, logrou chegar ata a estrada polo seu propio pé, aínda que foi evacuado de urxencia en ambulancia ao Hospital Universitario 'Lucus Augusti' de Lugo.

Medio Rural informou de que o funcionario estivo toda a tarde en observación e foi sometido a diversas probas diagnósticas para descartar lesións de gravidade, dado que se queixaba de dor na cabeza e malestar.

Comentarios