Un ferido nunha colisión entre dous vehículos en Vigo

Unha persoa resultou ferida nun accidente de tráfico rexistrado na mañá deste martes debido a unha colisión frontal ocorrida en Vigo.

Segundo informou o 112 Galicia, o sinistro tivo lugar pasadas as 7.30 horas ao chocar dous vehículos de xeito frontal á altura do número 40 da Avenida de Madrid.

Tras recibir o aviso dun particular, foron mobilizados Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Policía Local e Protección Civil de Vigo. Tamén, aínda que finalmente non chegaron a intervir, informouse aos bombeiros da cidade, ao sinalar o alertante que podía haber unha persoa atrapada no interior duns dos vehículos.

O 061 desprazou unha ambulancia asistencial para atender á persoa ferida, que foi evacuada ao Hospital Povisa, segundo indicaron a Europa Press fontes sanitarias.

Comentarios