Dá positivo por drogas ao volante dunha ambulancia que circulaba pola A-52

Foi interceptado na A-52 e non reunía ademais os requisitos do permiso de circulación

Axentes da Garda Civil de Verín interceptaron este venres a un condutor de ambulancia circulando pola A-52, á altura do municipio ourensán de Trasmiras, que deu positivo en drogas e que non reunía os requisitos do permiso de circulación. Nun comunicado, a Dirección Xeral de Tráfico informa de que o infractor foi detectado con motivo do dispositivo especial de vixilancia establecido con ocasión da campaña de alcoholemia e estupefacientes que realiza a DXT, do 12 ao 15 de agosto.

No marco dese operativo, os axentes deron o alto ao condutor dunha ambulancia que circulaba pola autovía das Rías Baixas en dirección a Vigo. Unha vez realizada a proba correspondente, arroxou un resultado positivo no test de drogas, polo que tivo que facerse cargo do vehículo unha terceira persoa.

Fontes de Tráfico resaltaron ademais "o paradoxo" de que o condutor non reunía os requisitos que lle habilitan legalmente para a condución de vehículos, motivo polo cal tamén foi sancionado.

Comentarios