Un choque entre dous turismos e unha furgoneta deixa dous feridos en Vigo

Varios particulares chamaron ao 112 para alertar de que un dos vehículos envorcara e unha embarazada e un menor estaban a saír do seu interior

Dous turismos e unha furgoneta protagonizaron este venres pola mañá un espectacular accidente na VG-20 no que dúas persoas resultaron feridas. O suceso tivo lugar ás 9.00 horas, ao redor do punto quilométrico 13, en Bembrive, á altura de Vigo. A esa hora varios particulares chamaron ao centro de atención ás urxencias 112 Galicia para pedir axuda.

Segundo indicaron, envorcara un coche e unha muller embarazada e un menor estaban a saír do interior do vehículo. Segundo relatou unha das condutoras implicadas, que tamén alertou ao persoal do 112 Galicia, saíuse da vía, chocou contra un camión e outros turismos terminaron impactando contra eles.

Ata o lugar desprazáronse efectivos e da Garda Civil de Tráfico e dúas persoas foron evacuadas polos servizos sanitarios. Persoal do servizo de mantemento da autovía encargouse da limpeza da vía.

Comentarios