Sofre queimaduras ao incendiarse o coche no que viaxaba en Trasmiras

Tamén na provincia de Ourense, catro persoas resultaron feridas nun accidente provocado por un cervo na Veiga

Un home resultou ferido este luns pola mañá en Trasmiras ao declararse un incendio no vehículo no que circulaba. O condutor sofre varias queimaduras. Foi trasladado en helicóptero ao hospital Povisa de Vigo. En concreto, os feitos tiveron lugar na N-525, a estrada que une Xinzo con Verín, á altura da capela da localidade, segundo informa o 112.

Un particular deu a voz de alarma ao 112 Galicia ás 11:20 horas desta mañá. O persoal do CAE 112 Galicia informou aos Bombeiros de Xinzo e a Urxencias Médicas. A situación tamén foi posta en coñecemento de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico.

Os efectivos sanitarios decidiron mobilizar ata o lugar dos feitos o helicóptero medicalizado con base en Ourense e unha ambulancia. O condutor recibiu asistencia sanitaria no punto antes de ser trasladado. Os Bombeiros, mentres, procederon á extinción do lume, aínda que o turismo acabou ardendo por completo. Á espera de coñecer os detalles dos feitos, os Bombeiros indicáronlle ao 112 Galicia que todo apunta a que o vehículo ardeu por mor dunha avaría.

UN CERVO. Sen saír da provincia de Ourense, unha colisión en cadea de tres automóbiles, despois de que o condutor do primeiro deles atropelase un cervo e quedase parado na calzada, deixou catro feridos na Veiga.

En concreto, o accidente tivo lugar na OU-0804, a vía que conecta Alto do Covelo (Ourense) e Veiga. Ningún dos feridos sofre feridas de gravidade.

Comentarios