Sofre queimaduras na cara ao explotar unha botella con amoníaco e lixivia en Teo

A consecuencia da deflagración, os vapores resultantes encheron a habitación, polo que houbo que desaloxar a vivenda e ventilar

Unha muller tivo que ser evacuada este venres en Teo (A Coruña) por mor das queimaduras na cara provocadas polo estalido dunha botella con amoníaco e lixivia. Segundo informa o 112, o suceso ocorreu nun domicilio da Travesía de Cacheiras pouco antes das 20.30 horas do venres. 

Ata o lugar desprazouse unha dotación do 061-Urxencias Sanitarias para atender a muller, que presentaba diversas queimaduras no rostro. Ademais, a consecuencia da deflagración, os vapores resultantes encheron a habitación, polo que houbo que desaloxar a vivenda e ventilar. 

Nestes traballos participaron Protección Civil de Teo e o GES da Estrada, que se desprazaron ata o lugar tras recibir a alerta do 112. 

Deste xeito, unha vez a vivenda estivo ventilada, comprobaron, mediante mecanismos de medición, que os índices de osíxeno volvían ser normais.