Os incendios forestais en Asturias redúcense a 8, deles, 7 controlados

No mediodía deste mércores, durante os labores de extinción, estrelouse un helicóptero no que perdeu a vida o piloto

Os incendios forestais iniciados o pasado sábado en Asturias, e que na madrugada do domingo chegaron a multiplicarse ata 147 focos polo forte vento, reducíronse a última hora da tarde a oito, dos que sete están controlados.

Os lumes que permanecen activos sitúanse na Degolada (Candamo), Corao e Teleña (Cangas de Onís), Arancedo e Viavélez (El Franco), A Pereda (Grao), A Barrosa (Tapia de Casariego) e Parlero (Villayón), informaron fontes do Principado.

Tamén permanece activo e sen control o incendio declarado en La Roza, no concello de Parres, onde este mediodía se estrelou un helicóptero no que perdeu a vida o piloto que participaba nos labores de loita contra o lume.

Nos labores de extinción traballaron este mércores 73 bombeiros, 30 axentes de Medio rural e oito membros de empresas forestais, informou o Servizo de Urxencias do Principado de Asturias (Sepa).

Expertos da Garda Civil manteñen aberta unha investigación para tratar de determinar a orixe dos lumes, por se algún puido ser intencionado. 

Éstos multiplicáronse rapidamente ante os fortes ventos do sur, as altas temperaturas e a ausencia de choivas.

Comentarios