Rescatan a unha muller tras declararse un incendio nun piso de Vigo

Os bombeiros tiveron que sacar á señora por unha fiestra, aínda que resultou ilesa

Un incendio no interior dun piso obrigou a desaloxar a unha muller de avanzada idade en Vigo.

Os bombeiros da cidade tiveron que sacar á señora por unha fiestra, aínda que resultou ilesa.

Foi un viandante quen se decatou do fume e das chamas que saían dun piso situado no número 10 da Rúa Sevilla e chamou ao 112 Galicia. Eran preto das catro desta tarde e o incendio era perfectamente visible desde a rúa, xa que á primeira chamada seguíronlle outras doutros veciños.

Así, o persoal do 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Vigo e dos axentes da Policía Local. Tamén se alertou aos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias co fin de estar dispoñibles no caso de que fose necesaria a súa intervención.

No entanto, á chegada dos bombeiros, a muller foi rescatada e non necesitou asistencia.