Rescatado un menor ferido ao caer por un desnivel duns 20 metros en Viana do Bolo

A Garda Civil desprazou ata o lugar un helicóptero co grupo de rescate de montaña

Un menor foi rescatado este luns ao resultar ferido tras caer por un desnivel duns 20 metros e finalizar nunha zona de difícil acceso no lugar da Pinza, en Viana do Bolo.

Segundo informou o 112, o incidente produciuse sobre as 16.50 horas, momento no que un particular deu conta do sucedido ao servizo de urxencias.

Acto seguido, o 112 avisou ao grupo de urxencias supramunicipal (GES) da Gudiña, a Protección Civil e ao persoal do 061, que mobilizou ata o punto ao helicóptero medicalizado.

Tamén foi informada a Garda Civil, que desprazou ata o lugar un helicóptero co grupo de rescate de montaña. O menor, tras ser estabilizado, será evacuado en ambulancia a un centro médico.