A prisión tras ser detido oito veces nun mes por facer 'simpas'

Un home acumula 30 arrestos por negarse a pagar as contas en bares e restaurantes de Zaragoza. A última era por unha cea de case 60 euros.
Mesa de un restaurante. EP
photo_camera Mesa dun restaurante. EP

Un home de 47 anos, que acabou en prisión provisional, acumula unha trintena de detencións en Zaragoza desde 2016 por negarse a pagar as contas nos bares e restaurantes onde come. O último arresto de Antonio Miguel G.M. data do pasado día 9, segundo a Policía Nacional. E foi oitavo no último mes.

Impútanselle delitos leves de estafa, posto que o consumido varía entre os 13 e 97 euros, pero agora decretouse prisión provisional porque o home non achegaba domicilio coñecido nin fiabilidade de presentarse ante o xuíz cando fose requirido.

No seu último simpa, Antonio Miguel G.M. negouse a abonar a conta dunha cea de case 60 euros e os responsables do local chamaron á Policía, que falou con el. Dixo que non levaba diñeiro e que non tiña intención de pagar, polo que o detiveron por un delito leve de estafa.

Desde a Policía Nacional indican que se realizaron máis intervencións con esta persoa no último mes, aínda que os prexudicados non quixeron interpoñer denuncia e perdoaron a débeda.

En xaneiro de 2018, a Audiencia de Zaragoza condenouno a unha multa de tres euros diarios durante tres meses por un delito leve de estafa ao non abonar unha consumición que ascendía a 49 euros.

Segundo informa o Heraldo de Aragón, a Fiscalía solicitaba daquela penas de prisión, pero a condena acabou sendo máis leve.

Xoga a favor do home a doutrina do Tribunal Supremo que establece que en casos de delitos leves non se pode aplicar o agravante de reincidencia para evitar "penas desproporcionadas".