Prisión para a presunta autora do incendio mortal nunha residencia de maiores de Zaragoza

A muller, de 62 anos, permanecía na unidade de psiquiatría do Hospital Clínico da cidade desde que ocorreu o suceso no que faleceron oito anciáns

O xuíz que instrúe o incendio da residencia Santa Fe de Zaragoza no que faleceron oito anciáns enviou a prisión á presunta autora do lume, unha muller de 62 anos que desde que ocorreu o suceso permanecía na unidade de psiquiatría do Hospital Clínico da capital aragonesa.

A muller ingresou o pasado venres no cárcere de Zuera por orde xudicial tras comparecer ante o instrutor, a pesar de estar incapacitada xudicialmente, aínda que non transcenderon os delitos que se lle imputan, segundo publica este domingo a prensa aragonesa.

O suceso na residencia ocorreu a madrugada do 12 xullo e a causa do incendio, que se orixinou nun colchón dunha habitación situada nunha planta que estaba baleira, faleceron oito persoas e outras doce resultaron feridas.

O avogado que representa ás familias de catro dos anciáns falecidos e a seis sobreviventes do incendio, Ricardo Agoiz, da Asociación do Defensor do Paciente, manifestou a Efe que lle resulta "estraño" o ingreso en prisión, dado que a anciá está incapacitada xudicialmente, aínda que apuntou que haberá que ver os informes de valoración que se fixeron respecto diso.

Comentarios