Tres persoas trasladadas en Ferrol a causa dun incendio rexistrado na súa vivenda

Os afectados non parecían revestir gravidade, segundo informan os profesionais sanitarios
Rúa na que aconteceu o suceso. GSV
photo_camera Rúa na que aconteceu o suceso. GSV

Un incendio nunha cociña dunha vivenda situada na rúa Celso Emilio Ferreiro, na cidade de Ferrol, foi a causa pola cal tres persoas tiveron que ser trasladadas ao Hospital Arquitecto Marcide.

Segundo a información que facilitaron os profesionais sanitarios ao 112 Galicia, os tres afectados, aínda que foron trasladados, non parecían revestir gravidade. Indicaban, ademais, que o que ardeu foi a cociña da vivenda.

Pasados dez minutos das 15.00 horas desta tarde, un alertante solicitaba ao 112 Galicia asistencia sanitaria para unha vivenda. Indicaba que había un incendio na cociña ou na instalación eléctrica e que as persoas da casa presentaban dificultades respiratorias.

A partir dese momento, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros de Ferrol. Do mesmo xeito, solicitou a colaboración dos axentes da Policía Local e a dos efectivos de Protección Civil.

Os Bombeiros, ao rematar, comunicaron ao 112 Galicia que cando chegaron á vivenda, o lume xa fora sufocado e procederon a ventilar a estancia.