Achan a bolsa de larpeiradas que levaba o neno de 2 anos que caeu nun pozo en Málaga

O rescate está a ser complicado polos escasos 40 centímetros de diámetro do lugar polo que se introduciu o pequeno

Operativo de rescate. EFE
photo_camera Operativo de rescate. EFE

Os equipos de rescate seguen tentando acceder ao fondo do pozo onde caeu o neno de dous anos en Totalán (Málaga) sen conseguir resultados, tras máis de 19 horas de traballo, informaron a Efe fontes do Centro de Coordinación de Emerxencias 112 Andalucía.

Ata agora atoparon a bolsa de larpeiradas que levaba Yulen na man cando se precipitou polo buraco. No entanto crese que un derrubamento puido complicar o rescate do menor.

Os efectivos continuaron traballando durante toda a noite sen que de momento conseguiuse acceder ao fondo do pozo, de 110 metros de profundidade e 25 centímetros de ancho. 

Parte do persoal que estivo traballando durante toda a noite será relevado antes das oito de mañá para que outros equipos continúen co labor. Os traballos céntranse en acceder cunha cámara para visualizar onde se atopa o pequeno, que ata o domingo pola noite non fora situado, aínda que alcanzara uns 75 metros de profundidade; tamén se trata de pescudar se hai auga no fondo do buraco. 

Un centenar de persoas participan no operativo de rescate do neno desde as 14 horas de onte, domingo, cando o pai do pequeno e o 112 avisaron á Garda Civil de que caera polo buraco, un orificio de prospección para a procura de auga, nesa zona da serra.

Ao lugar desprazáronse efectivos do 112, Consorcio Provincial de Bombeiros, Protección Civil, o Equipo de Rescate e Intervención de Montaña ( EREIM) de Álora e Selecta, submarinistas do instituto armado e bombeiros de Málaga capital. así como empresas privadas que están a facilitar axuda e maquinaria para tratar de localizar ao neno. 

Comentarios