Morre un mineiro nunha explosión de dinamita en Cangas del Narcea

O accidente produciuse pasada a medianoite, cando se atopaban na mina unha decena de traballadores, que non se viron afectados

Un mineiro de 27 anos faleceu esta madrugada por mor dunha explosión de dinamita nunha explotación mineira situada na localidade de Carballo, no municipio asturiano de Cangas del Narcea, informou a Efe o alcalde, José Víctor Rodríguez.

O accidente produciuse pasada a medianoite, cando se escoitou unha explosión de dinamita no vertedoiro da mina, detallou o primeiro edil.

Trátase dunha pequena explotación mineira dedicada á extracción de carbón na que traballan unha decena de traballadores.

No momento do accidente había outros mineiros traballando na mesma quenda de noite, pero que ao parecer non se viron afectados.

O mozo falecido, Fernando Frade, era moi coñecido nesta pequena localidade do suroccidente asturiano, da que era natural, situada a uns dez quilómetros da capital do concello, Cangas del Narcea, sinalou o secretario xeral do SOMA-UGT, José Luís Alperi.

Ao lugar do accidente trasladouse persoal da Dirección Xeral de Minas do Principado e axentes da Garda Civil para investigar o sucedido.

O Concello de Cangas del Narcea colocará as bandeiras do Consistorio a media hasta en sinal de duelo.

Comentarios