Morre apuñalado un octoxenario nunha residencia de Madrid

A Garda Civil detivo como presunto autor a un mozo de 29 anos que padece un trastorno mental

Un home de 85 anos faleceu este domingo nunha residencia da localidade madrileña de Meco tras ser apuñalado por un mozo de 29 anos, ao parecer cun trastorno mental, que foi detido pola Garda Civil.

Segundo informou a Comandancia de Madrid do instituto armado, o suceso tivo lugar ao redor das once da mañá do domingo, cando o mozo, que acudira á residencia para visitar a un familiar, apuñalou ao ancián por causas que non se determinaron.

A vítima faleceu pouco despois e grazas á colaboración dos traballadores do centro e dos residentes, a Garda Civil puido localizar ao suposto autor, un home de nacionalidade española de 29 anos e con trastornos mentais.

O mozo foi arrestado no seu domicilio, situado tamén en Meco, acusado dun delito de homicidio doloso, e nestes momentos permanece en dependencias da Garda Civil.

Comentarios