A Policía detén en Vilalba a dous vascos que transportaban heroína

Acudían habitualmente á localidade de Ferrol para abastecerse de sustancias estupefacientes

A Policía Nacional detivo en Vilalba a dous homes, de 52 e 64 anos, naturais da provincia de Guipúzcoa e con antecedentes policiais un deles, por un delito contra a saúde pública. O grupo de estupefacientes da comisaría local de Ferrol-Narón desenvolveu un operativo policial que permitiu interceptar no municipio lucense a dúas persoas que portaban 4.000 doses de heroína.

Os investigados trasladábanse periodicamente á comarca de Ferrol, onde dispuñan de provedores que lles proporcionaban as sustancias estupefacientes, para posteriormente transportalas á provincia de Guipúzcoa e proceder á súa venda. Para iso utilizaban un vehículo onde escondían as sustancias, no que dispuñan dun compartimiento oculto de difícil acceso, co fin de dificultar a localización no caso de posibles controis policiais.

Os policías do grupo de estupefacientes de Ferrol interceptaran no mes de maio de 2016 a outras dúas persoas realizando un traslado similar desde a comarca de Ferrol ao País Vasco, o cal motivou que se intensificase a investigación sobre ese tipo de rutas. 

Neste dispositivo interviñéronse 4.000 dose de heroína, que unha vez manipuladas para a súa venda alcanzarían uns importantes ingresos económicos, así como 3.500 euros en efectivo, tres teléfonos móbiles e un vehículo da marca Mercedes utilizado para o transporte.  Coa instrución das oportunas dilixencias, os detidos foron postos a disposición do xulgado de instrución de garda de Vilalba, que decretou o ingreso en prisión dun dos procesados.

Comentarios