A bióloga do CSIC Aida Fernández Ríos é unha das dúas falecidas no atropelo ocorrido en Moaña

Recoñecida investigadora, o pasado mes de xuño converteuse na terceira muller en ingresar na Real Academia Galega de Ciencias en menos dun ano
Aida Fernández Ríos
photo_camera Aida Fernández Ríos

A bióloga do CSIC en Galicia Aida Fernández Ríos, de 68 anos, é unha das vítimas mortais do atropelo ocorrido na noite deste martes na localidade pontevedresa de Moaña e no que tamén resultou falecida unha muller de 69 anos.

Recoñecida investigadora, Aida Fernández desenvolvía o seu labor no Instituto de Investigacións Mariñas que o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ten en Vigo, un organismo que, ademais, dirixiu entre 2006 e 2011.

Cunha ampla carreira investigadora, Fernández Ríos era doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago e unha das maiores expertas europeas sobre a acidificación do mar por mor da deposición de dióxido de carbono nos océanos procedente da atmosfera. O pasado mes de xuño, a bióloga converteuse na terceira muller en ingresar na Real Academia Galega de Ciencias en menos dun ano.

O dobre atropelo mortal rexistrouse pasadas as 21.00 horas deste martes na PO-551, na localidade pontevedresa de Moaña.

Comentarios