Investigan a un mozo por roubar 400 litros de gasóleo nunha empresa de Forcarei

Os cacos escalaron o muro de formigón con valo metálico da empresa, e forzaron o peche dos depósitos

 Un mozo residente no municipio pontevedrés da Estrada atópase baixo investigación como sospeitoso de roubar uns 400 litros de gasóleo nunha empresa do polígono industrial do veciño municipio de Forcarei , informou a Garda Civil.

A investigación comezou tras unha denuncia por parte do propietario dunha empresa do polígono industrial de Cachafeiro. O dono relatou que a madrugada do día 13 de maio subtraéronlle combustible dos depósitos do carburante de dous camións que se atopaban estacionados no interior do perímetro da empresa.

Os autores do roubo tiveron que escalar un muro de formigón con valo metálico que circunda a empresa e forzar o dispositivo de peche dos depósitos do gasóleo. As gravacións das cámaras de videovigilancia da empresa permitiron aos investigadores da Garda Civil distinguir a marca e modelo do coche utilizado o autor do roubo.

A investigación desta operación denominada Embude permitiu aos axentes localizar ao vehículo, vinculado a con un dos principais sospeitosos. 

O mozo foi identificado como R.C.V., de 23 anos, residente na Estrada e nas inmediacións do seu domicilio os axentes acharon un remolque-caravana subtraído en Celeiros, escondido no interior dunha nave abandonada que se atopa baixo investigación.

Comentarios