Investigado un veciño de Cospeito por intentar estafar ao seguro cun falso atropelo dun raposo

O accidente produciuse na Pastoriza e o condutor dixo que foi por culpa do animal, pero segundo Tráfico tratouse "unicamente" dunha saída de vía

O subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo investiga a un veciño de Cospeito, de 42 anos, como suposto autor dun delito de estafa á súa compañía de seguros, por afirmar que atropelara a un raposo co seu vehículo, cando en realidade o accidente no que se viu implicado só foi unha saída de vía.

O accidente produciuse na estrada provincial LU-P-4401, o pasado 3 de marzo e á altura do municipio da Pastoriza. No sinistro só se produciron danos materiais e o condutor, que resultou ileso, dixo "atropelar a un raposo", pero os axentes de Tráfico sospeitaron desde o primeiro momento de que se tratou "unicamente dunha saída de vía".

Tras realizar varias pescudas, o condutor acabou prestando declaración este martes como investigado pola súa participación nun delito de estafa ao seguro. As dilixencias xa están en mans do Xulgado de Garda de Lugo.

Comentarios