O incendio dun portátil obriga a desaloxar un tren de metro e deixa 12 feridos leves en Madrid

Nove persoas tiveron que ser atendidas por crises de ansiedade e outras tres por intoxicación leve

Os sanitarios do Samur-Protección Civil atenderon este luns pola mañá a nove persoas por crises de ansiedade e a tres por intoxicación leve de fume pola explosión dun pequeno ordenador nun vagón de Metro de Madrid, que provocou unha densa fumareda. Os feitos producíronse sobre as 9.30 horas no interior dun convoi que circulaba entre as estacións de Ibiza e Príncipe de Vergara, na liña 9. Por causas que agora se investigan, un pequeno ordenador ou tablet estourou no interior do bolso dunha pasaxeira, desatando o caos.

Outro dos viaxeiros, César García, de 18 anos, relatou que soou un golpe e a continuación empezou a escoitar os berros da xente. Virouse e viu que unha densa fumareda branca saía do bolso dunha moza, ademais dun "cheiro estraño, parecido ao dun spray e polvillo branco, polo que ao principio pensamos que estalara un desodorizante". 

"O condutor actuou moi rápido e a xente foise acougando aos poucos", explicaba un pasaxeiro

Entón, varios pasaxeiros accionaron a panca de urxencias e o tren parou. O condutor do metro saíu da cabina e chegou ao vagón, indicando aos pasaxeiros, que se amontoaran no outro extremo, que abrisen as fiestras. Tamén cominou aos que saltaran ás vías que volvesen ao interior. "O condutor actuou moi rápido e a xente foise acougando aos poucos. Tras 20 minutos o tren volveu arrincar e chegamos á estación de Príncipe de Vergara, onde nos desaloxaron", sinalou César. 

Ata o lugar acudiran xa os Bombeiros do Concello de Madrid, que cando baixaron ao suburbano xa se atoparon co lume do dispositivo extinguido. Tamén acudiron por prevención os efectivos do Samur, que finalmente atenderon a nove persoas por crises de ansiedade e a tres por intoxicación leve por fume, sen que requirisen traslado ao hospital. 

O suceso provocou o corte do metro entre as estacións de Sáinz de Baranda e Avenida de América, na liña 9, durante un tempo pero pouco logo das 10 horas quedaba restablecido. 

Comentarios