Identificado en Vigo tras roubar unha lagosta de 400 euros e 10 quilos de centolas 

Mercado das Travesas, en Vigo. TVG
photo_camera Mercado das Travesas, en Vigo. TVG

Roubaba en especie. En concreto, en marisco. E non elixía pezas calquera: no seu primeiro furto levou unha lagosta valorada en 400 euros. A Policía Nacional informou este mércores do esclarecemento de dous roubos cometidos nun local do Mercado das Travesas, en Vigo, polo que identificou un home de 38 anos, de nacionalidade española e con domicilio na cidade olívica que, ademais, é un vello coñecido dos axentes da lei, xa que contaba con ata 16 antecedentes policiais, moitos deles por protagonizar feitos similares. 

Os investigadores seguían os seus pasos despois de que, a principios deste mes, o responsable dunha marisquería da praza denunciase que fora vítima do roubo dunha lagosta cuxo valor roldaba os 400 euros. 

Poucos días despois ocorreu un segundo episodio. Esta vez, o botín consistiu en case 10 quilos de centolas. Nese instante, os policías lograran identificar un sospeitoso habitual como responsable dos feitos, polo que centraron as súas pescudas sobre el. E, grazas a elas, púidose demostrar a autoría deste home, polo que se procedeu á súa localización e traslado a dependencias policiais, onde se lle tomou declaración.

Comentarios